A importancia de acudir a feiras
19 febrero, 2015“Cultivando Paisaxes” en Forcadela
26 febrero, 2015Para conmemorar o aniversario de Rosalía de Castro falamos desta bela e enigmática flor que se coñece como a flor de Galicia.
Por que se coñece á camelia como a flor de Galicia? A camelia chega a Galicia da man dos navegantes portugueses no século XVIII e encontra aquí o seu clima perfecto. A orixe da camelia hai que buscala en Oriente. Cando os mercadores portugueses e ingleses comezaron a traer especias, trouxeron tamén camelias para té. Pero a clase de camelia que chegou foi a japónica, de gran valor ornamental pero sen aptitude para infusión. De aí que nas casas señoriais existan plantas tan antigas de camelia. A camelia hoxe está en todos os parques, rúas, xardíns da nosa xeografía. Nace aquí de forma salvaxe e natural.
A que se dedica Río Tollo? A nosa especialidade é a produción de camelia dende o ano 1999. Abranguemos todo o ciclo da planta, ata exemplares de máis de 2 metros de altura. Temos en produción máis de 100 variedades, 4 delas patentadas: “Cereixa de Tollo”, “Filla de Tollo”, “Dama de Tollo” e “Río Tollo”. Son exemplares únicos que conseguimos despois de moitas probas, ensaios e esforzos do departamento propio de I+D+i. Os nosos cultivos están clasificados por resistencia ao frío, época de floración, cor da flor, resistencia a enfermidades, entre outros parámetros.
A venda é nacional ou exportades? Comercializamos en toda Europa. Das nosas vendas, só o 10% se queda en España e Portugal. Somos un dos produtores referentes do sur de Europa no cultivo da camelia. Vendemos 400.000 unidades ao ano en diferentes tamaños e temos preto de 1 millón en cultivo. Os principais usos aos que van destinadas son a decoración de interiores ou exteriores.
A parte do ornamental, que outros usos ten a camelia? A camelia é unha planta da familia das teáceas. Polo tanto, hai variedades en que as follas son empregadas para infusión. Nós producimos e comercializamos dende hai 3 anos a “Camelia Sinensis”. A flor da camelia do té é moi pequeniña, branca con estames amarelos. Na japónica en cambio, a flor é máis grande e de gran gama de cores.
Facedes investigación? Colaboramos co Centro Tecnolóxico do Areeiro. Estamos a traballar no cultivo de camelias cuxas sementes se poidan usar para extraer aceite que logo se use en cosméticos, alimentación. Estamos en fase de investigación. No mercado xa existe proveniente de China. Nós, a nivel particular facémolo co Mosteiro de Armenteira de Poio. Facilitámoslle os aceites, as monxas elaboran as xabóns e nós regalámolos aos nosos clientes por Nadal.
Estamos en plena época de floración? Hai especies de floración temperá, sobre setembro-outubro, medianas e as máis tardías, que florecen en marzo-abril.
A túa camelia favorita? A camelia japónica “Desire” de cor rosa e branca, é a miña favorita.
Estaredes presentes na Mostra Cultivos? Expoñeremos na Mostra con Coplant. Presentaremos unha nova hortensia para o sur de Europa.
Expectativas para a Mostra 2015? Son escéptico co volume de negocio que se pode facer en feira. A cantidade da oferta non é suficiente. Para que un cliente se desprace ao Baixo Miño ten que haber capacidade e volume de compra, novidades. Para saír de Galicia, un viveiro pequeno debe chegar a acordos con empresas comercializadoras, compartir loxística, estratexias de venda, etc. Hoxe en día hai boas condicións cos intermediarios, xa non é como antes que eles quedaban cunha gran marxe. Cada parte debe gañar o xusto e necesario.
A Mostra Cultivos cumpre outros obxectivos paralelos. Demostrar na zona que a agricultura é un proxecto rendible, que se pode vivir dignamente da agricultura. Tamén é útil para demostrar que sabemos organizarnos, para lanzar mensaxes directas á administración. E por último, pon en valor as relacións persoais, intercambiamos impresións, coñecémonos un pouco máis entre nós, crean novas sinerxías.
Como ves a bisbarra produtiva? Ten que haber máis capacidade produtiva. Está en debate a conveniencia de abrir Acubam (asociación de cultivos do Baixo Miño) ao norte de Portugal.