Falamos con… Vicente Sanjurjo Villar
25 agosto, 2016acuBam arranca a Mostra 2017
13 septiembre, 2016José Collazo, membro da directiva de acuBam e presidente de Asvinor (Asociación de Empresarios Viveiristas do Noroeste) leva traballando activamente pola adhesión da planta ornamental ao selo Galicia Calidade
Na reunión do pasado xuño co delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, o tema xa estaba moi avanzado e por fin o 23 de agosto se firma o convenio entre Galicia Calidade e a Asociación de Viveristas del Noroeste (Asvinor).
O obxectivo é que os viveiros galegos de planta ornamental que produzan de acordo coa Norma de Calidade para a Planta Ornamental de Galicia, poidan levar como distintivo o selo de Galicia Calidade.
O sector da planta ornamental en Galicia representa o 8,41% da produción final agraria. “Máis do 30% dos viveiros produtores de planta ornamental presentan unha clara vocación cara a exportación fóra de Galicia”, explicou José Collazo. Galicia exporta un 20% da súa produción de planta ornamental, principalmente a Francia, Alemania, Países Baixos e Portugal, entre outros.
O obxectivo final é lograr unha maior diferenciación da planta galega nos mercados, tanto nacionais como estranxeiros, e así mellorar a competitividade dun sector que na comunidade ten un elevado potencial de desenvolvemento futuro.
Asvinor fará, co asesoramento de Galicia Calidade, as auditorías e os controis necesarios para garantir que a produción dos seus asociados estase a facer segundo a norma redactada pola Fundación Juana de Vega.
O selo representa un apoio no mercado. O sector da planta ornamental considera que ten gran potencialidade en Galicia.
O primeiro paso da adhesión a Galicia Calidade foi a elaboración dunha Norma de Calidade para a planta ornamental de Galicia
A firma deste acordo chega despois da elaboración da Norma de Calidade para a Planta Ornamental de Galicia, por parte da Fundación Juana de Vega, que se redactou en colaboración co sector produtor, técnicos e da Xunta de Galicia e comercializadores de planta. Outro dos antecedentes que fixo posible este acordo foi a creación por parte de Asvinor da marca colectiva “Planta ornamental de Galicia”, que poderán empregar todos aqueles produtores que traballen segundo os estándares recollidos nesta norma.
Norma de Calidade da Planta Ornamental de Galicia
A Norma de Calidade da Planta Ornamental de Galicia, que se presentou hai dous anos, naceu para tratar de resolver os problemas do sector, afectado por unha forte atomización e unha falta de asociacionismo que provoca dificultades para competir e acceder aos mercados exteriores. Neste sentido, Galicia conta cunha vantaxe competitiva, determinada polas condicións climáticas e edafolóxicas, o que permite un potencial para a produción superior ao da maioría do territorio nacional.
Ademais a planta de Galicia é moi valorada nos mercados exteriores pola súa rusticidade e capacidade de adaptarse a condicións climáticas máis duras que a planta producida noutras zonas do territorio nacional, como Cataluña, Valencia ou Andalucía, polo tanto, “neste contexto resulta imprescindible a diferenciación”, sinalan desde a Fundación Juana de Vega.
Para acadar esta diferenciación a Fundación Juana de Vega iniciou a finais do ano 2009 varias reunións de traballo coa Asociación de Produtores de Plantas Ornamentais de Galicia (hoxe ASVINOR), viveiristas non integrados na asociación, representantes da Consellería do Medio Rural e membros das principais comercializadoras de planta de Galicia, nas que se puxo de manifesto a necesidade de elaborar unha normativa que permita alcanzar uniformidade e homoxeneidade en canto a formatos e poder ofrecer así planta de diferentes produtores nun mesmo lote aos mercados que demandan grandes volumes. Ademais esta norma serviría de base para a creación da marca colectiva “Planta Ornamental de Galicia”, que hoxe xa é unha realidade.
Criterios da Norma de calidade
A norma apóiase en tres piares:
- Estandarización para homoxeneizar tamaños, altura e proporción das distintas especies
- Medioambiente, co obxectivo de seguir criterios sostibles na produción
- Trazabilidade, para garantir o seguimento da planta, coñecer a súa historia, desde a orixe do material vexetal, ata localización e a traxectoria que seguiu ao longo da cadea de fornecemento.