O alumnado do CRA Manuel Garcés participa na 10ª Mostra de Cultivos
1 abril, 2013Cativos de entre 3 e 10 anos xogan a ser vivieirista.
O alumnado dos cinco CEIPS de Tomiño e do CRA Manuel Garcés participarán na décima edición da Mostra de Cultivos do Baixo Miño que se celebra como todos os anos ao chegar a primavera nas instalacións municipais de Goián.
Este ano os nenos e nenas de Tomiño formarán parte da exposición viveiristica que albergará o pavillón de Tomiño os días 20 e 21 de abril. Os preparativos comezaron o pasado mes de febreiro cando máis de 500 cativos dos colexios de Tomiño visitaron diferentes viveiros de comarca. Trala visita e toma de contacto co sector, son eles os que teñen que coidar das plantas que exporán en Goián no mes de abril. Alí participarán como se duns viveiristas máis se tratasen ao cargo do seu propio stand.
Os nenos e nenas que participaron son de idades moi diversas, dende os 3 aos 10 anos. O profesoradao califica esta activiade de “moi acertada para os miúdos xa que favorece o coñecemento cognitivo do medio no que viven. É unha maneira de por en valor dende pequenos un sector como o dos viveiros tan importante economicamente para a comarca”.
Esta é unha actividade na que tanto os nenos e nenas como os profesionais aprenden uns dos outros. É un xeito de traballo conxunto que dá máis froitos que calqueira outra lección de botánica que se aprenden nos libros. Este é un xeito de coñecemento práctico e directo co medio no que vivimos e que facilita o seu coñecemento e o xeito de vivir del.
Moitos viveiros se involucraron con este proxecto: Coplant, Vidaplan, Bacelo, VBM, Rio Tollo, Nilo,….Eles prestaron o seu tempo e as súas prantas para o desenvolvemento da aprendizaxe destes nenos. E algo máis, puxeron nas súas mans o “teléfono verde”.
¿Que é o teléfono verde? Pois é o 061 das plantas. Semella que é tan só un número de teléfono no que os escolares poden chamar cando xorden problemas coas plantas, pero é máis que iso, é a conexión directa entre a escola e os viveiros. É a unión de dous mundos que semellan tan diferentes pero que se necesitan uns dos outros, uns para aprender e outros para aprovisionarse de novas ideas e de novos futuros.
A X Mostra de Cultivos do Baixo Miño, pois, será algo máis que unha feira de plantas, será a posta en valor dun sector que maior exporta no Baixo Miño, será a posta en valor dun sector en continuo crecemento que en anos de crise sabe adaptarse a novos tempos, a novos mercados, a novos lugares. É, o que podemos calificar como o futuro do Baixo Miño.