Formación acuBam “Fitopatoloxía 2016”
19 abril, 2016Falamos con Viveiros Rocha
2 junio, 2016O persoal técnico das explotacións agrarias do Baixo Miño asistiu a unha formación especializada en pragas impartida por profesionais da Estación Fitopatolóxica Areeiro.
30 persoas asistiron ás Xornadas “Fitopatología 2016” organizadas polo equipo técnico de acuBam. Estas xornadas fináncianse a través do “Plan de Transferencia Tecnolóxica para o apoio ás actividades de demostración e de formación ao Agro Galego 2016” da Consellería do Medio Rural, incluído no Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2020, cofinanciado polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) nun 75%.
Durante 10 horas, repartidas en tres xornadas, tratáronse as pragas e enfermidades máis importantes e perigosas para as producións da comarca do Baixo Miño. Todas as charlas foron impartidas por persoal técnico da Estación Fitopatolóxica Areeiro. Na primeira sesión, a Dra. Rosa Pérez Otero tratou as pragas de insectos e ácaros de corentena. O segundo día, a Dra. Adela Abelleira Argibay falou das enfermidades de corentena causadas por nematodos, bacterias e virus. A última xornada dedicouna o Dr. J.Pedro Mansilla Vázquez ás pragas producidas por fungos.
Falamos con Nacho, de Viveiros Corema, que forma parte do equipo técnico de acuBam organizador das xornadas.
Cal é o teu balance das xornadas? Moi moi interesantes. O tema é denso e complexo pero a información é totalmente vital para o noso sector. Son pragas que non coñecemos porque na nosa zona non existían. Antes as plantas non viaxaban pero agora a exportación e importación é parte fundamental do noso traballo.
O pasaporte fitosanitario non é suficiente? Todas as plantas sas viaxan cunha documentación que así o acredita pero os produtores debemos ir por diante da administración. Non podemos esperar a que un técnico da Xunta nos avise da existencia dunha praga. Somos nós os que temos que estar atentos e avisar ante os primeiros síntomas.
Está de actualidade a problemática das pragas a raíz do “picudo vermello” que afecta ás palmáceas? A praga do “picudo vermello” é moi coñecida a nivel particular porque afecta a moitas casas que tiñan palmáceas no xardín. Para os produtores hai pragas menos mediáticas como a Trioza erytreae gravemente daniñas. O insecto portador da praga está presente nos cítricos de modo que non podemos vender cítricos en toda a zona de Pontevedra.
Cando unha praga chega a unha zona, é alarma xeral? A maioría das pragas producidas por fungos, virus ou bacterias implican a destrución total da planta, co custo económico que iso supón para os produtores. As pragas producidas por insectos son menos alarmantes porque dispoñemos de insecticidas. De todos os xeitos a lei está a cambiar, cada vez está máis limitado o uso de insecticidas polo seu custo ambiental. A liña de traballo vai máis na prevención que na cura. Temos que coidar máis das nosas plantas para que crezan sas e fortes e sexan menos susceptibles de padecer enfermidades. Hai que traballar nuns protocolos para operacións importantes como son transplantes, podas… son actuacións sobre a planta que debemos realizar con rigor e sumo coidado para evitar danos.
Tedes prevista a próxima formación? Si, será sobre xestión de empresas agrarias, como levar a nosa empresa. Imos deixar pasar esta época que é de moito traballo nos viveiros e tal vez en setembro ou outubro poidamos levala a cabo.