CaixaBank proporcionará financiamento aos produtores de Acubam
29 junio, 2015Falamos con Transportes Morgado y Silva
15 julio, 2015“A liberdade, non depender de ninguén é o que máis me gusta da miña profesión” confesa José Benito Pousa
Canto tempo levades? 16 anos aproximadamente, sempre en Tomiño.
Cantas persoas traballades? Dúas, a miña señora máis eu. Sempre fomos os dous traballando, moitas horas claro! Non sabemos facer outra cousa máis que traballar (risas).
Que superficie tedes? Uns 8000 m2.
Moita terra para traballar dúas persoas non? Que va! Lévase ben. Porque o 50% da planta está en campo e así non da traballo case ningún.
Que especies cultivades? Chamaerops, Magnolia, Camelia, Liquidambar, Acer, en campo. E logo en maceta Bambú, Phormium, Thuja, Photinia.
Cal é a máis delicada? Tal vez a Thuja porque se pon negra coa neve, pero nós non tivemos problema. É unha planta que tivo moita saída no boom da construción porque se usaba para realizar peches, pero ao baixar a construción, non ten tanta saída.
E para uso doméstico? Da máis traballo a camelia porque hai que podala todos os anos.
Cal é a túa favorita? Os acer encántanme, pola cor vermella, aínda que é de folla caduca e no inverno lle caen as follas…
Estades en plena temporada ou xa rematou? A nosa época forte de venta é marzo abril, agora estamos case de descanso. Comezamos en setembro a tarefa constante.
Aconséllanos un xardín público para visitar no verán? Non é un xardín pero a zona de Rosalía de Castro en Vigo quedou preciosa. Cun bo deseño, colocaron oliveiras centenarias.
Onde están os vosos clientes? Máis da metade son as empresas da zona, Nilo, Casaíta,… e o resto gardens e outros clientes.
Que che pareceu a Mostra Cultivos 2015? Ben, perfecta. Eu fun un dos principiantes e seguirei apoiando a realización da Mostra sempre que poida porque é un punto de encontro dos profesionais do sector, onde poder charlar e intercambiar impresións do noso traballo. A nosa riqueza é estar xuntos.
Como se pode atraer a máis profesionais á Mostra? Tendo boa mercadoría. Por internet, na fotografía, a planta sempre está bonita. Pero hai que mirala en vivo, abonada, podada, coidadiña. Pero é difícil que a xente se mova, volveuse moi cómoda, non necesita ir a feira para saber o que se produce no Baixo Miño, xa o mira por internet. Pero pérdese o contacto, a conexión cos produtores,… pero todas as feiras van a menos. En Valencia había 5 pavillóns e agora quedan dous.
Acodes a outras feiras? Como espectador. Gústame acudir para aprender. Nunca fun a Essen en Alemania, que me encantaría.
Saímos da crise ou estamos en caída libre? En caída libre de ningunha maneira. Este ano foi moi bo, para nós foi moi bo. A tendencia é a mellorar. Ten que mellorar a situación económica do país para que mellore o sector da planta. Se a xente non ten para vivir, non vai mercar plantas.
Pero eu son optimista, hai que mostrarse contento, dinámico, non de lágrima fácil, que diso pecamos un pouco na nosa zona. Non se pode dar imaxe de desánimo. Estamos ante unha crise fortísima, continuar co negocio aberto debe de considerarse un éxito.
Que é o que máis che gusta da túa profesión? A liberdade. Non depender de ninguén. Ter autonomía, moverte, facer o que queiras.
Algo que queiras engadir? Só me preocupan agora mesmo dúas cousas: que a Xunta vai controlar o gasto de auga dos viveiros, que me parece lóxico, pero pido que sexan tolerantes e marquen uns tempos que poidamos cumprir. E o acceso á terra, porque se queres montar un viveiro ou ampliar o que tes, está todo dividido. A parcelaria está sen facer na nosa zona.