O valor social dos cultivos
6 octubre, 2016Inspiración que vén de Holanda
8 noviembre, 2016José Cosmed funda Vidaplan o 11 de abril do 90
“Eu cheguei por afección a esta profesión, porque me gustaban as plantas e as flores. Os meus inicios profesionais foron nunha florería en Vigo, Vidamar, no ano 80. Vin que había oportunidade de negocio na comercialización das plantas e pechei a florería para dedicarme á comercialización de plantas en Galicia e Portugal, co mesmo nome, Vidamar”.
“Cando xa levaba uns anos no negocio empezamos a considerar que podiamos producir en Galicia. Toda a planta que comercializabamos viña de Holanda, Barcelona, Valencia,.. Creamos Vidaplan para darlle servizo á empresa comercial. Faltaba oferta en Galicia, sobre todo de planta de flor. No Baixo Miño estaba Viveiros Peixoto e Nilo, que sobre todo vendían arbustivas, arboledo e froiteiras”.
Cunha traxectoria de 26 anos, podes dicir que estás contento coa evolución do viveiro? Si, claro. Foi unha evolución natural sen perder a perspectiva do mercado, adecuándonos ás súas necesidades e sempre avanzando.
Cales son as vosas instalacións? En Tomiño temos 22.000 m2 dos cales o 20% é exterior e o 80% restante está a cuberto. En Valença de Miño (Portugal) dispoñemos doutra leira totalmente exterior.
Por que Portugal? Por pura necesidade de terra. A mediados dos noventa quixemos expandir para producir planta en campo e non atopamos terra apta para a actividade na zona. Estaba en plena guerra por aquel entón a concentración parcelaria, que aínda non está resolta ao 100%. E por casualidade atopamos no país veciño un terreo que se adecuaba ás nosas necesidades. Estamos a tan só 15 minutos da leira.
Tedes divididos os cultivos entre unha leira e outra? Si. En Portugal temos planta de exterior arbustiva e árbores. Cando empezamos era en terra pero desde hai anos está toda en contedor. En Tomiño temos a planta de flor (hortensia, agapanthus, ciclamen, xasmín,…).
Cal é o voso cultivo estrela? Temos dous, a hortensia e a Cupressus macrocarpa Willma.
Cal é a túa perspectiva de futuro? Sempre hai que ser positivos. O problema co que nos atopamos é se somos capaces de entender os sinais do mercado. O consumidor é moi volátil e esixente. Na planta, do mesmo xeito que calquera outro sector, hai modas, tendencias, costumes,…
E como detectades os cambios do mercado? Existen diferentes indicadores. O estar unidos dentro dun grupo como Coplant permítenos, ademais de estar relacionados os produtores, dispoñer dun equipo de profesionais formados que nos reportan as necesidades do cliente. En Coplant temos un foro de debate no que se analizan as esixencias do mercado que logo aplicamos nas nosas producións.
Por outra banda viaxamos moito. Case mensualmente acudimos a eventos, feiras, convencións en diferentes países europeos, visitamos gardens para ver in situ como se vai comportando o noso produto.
Outro aspecto fundamental é buscar novos produtos, novas presentacións,… A calidade do produto, a súa presentación e o márketing ten que funcionar como un todo. Temos que conseguir prezos competitivos de venda pero con marxe que nos permita seguir defendendo os nosos intereses.
Onde están os vosos clientes? Vidaplan non vende directamente. Coplant comercializa os nosos produtos en Francia, Italia, Portugal, Inglaterra, Alemaña, Bélxica, Holanda, e tamén España.
Como é a organización do traballo no voso viveiro? Somos 15 persoas. En cada leira hai un responsable de produción, que é enxeñeiro agrónomo. Unha persoa en administración, e o resto son traballadores en leira.
Begoña e eu supervisamos todo o traballo, marcamos as liñas de produción, tomamos as decisións que se trasladan aos enxeñeiros, e eles encárganse do seu cumprimento e seguimento diario.
Como ves a incorporación da xente nova ao traballo no viveiro? Ben. Houbo unha época en que traballar no viveiro era duro pero xa non é así. Os postos de traballo están adaptados a un esforzo normal, porque existe maquinaria e ferramentas que o permiten.
Que é o que máis che gusta da túa profesión? Dúas cousas: a creación de emprego e a creación de riqueza é o que máis me enorgullece. É a máxima que tiven toda a miña vida desde os 17 anos. A valoración da agricultura foi unha obsesión desde que estou neste sector.
Como ves acuBam desde a barreira? (José Cosmed foi presidente da asociación ata hai uns meses) Véxoo con ilusión e ganas de facer cousas pero con falta de tempo para poder desenvolvelas. No noso sector traballamos sempre a contrareloj, non sei se forma parte da nosa idiosincrasia…
Cal é a túa planta favorita? Para esa pregunta teríasme que chamar un domingo! Os domingos cando visito os viveiros vexo as plantas doutra maneira. Un día de traballo chego ao viveiro sobre as 8 da mañá e dou unha volta co responsable de produción. Vexo en cada planta o seu estado de saúde, o seu crecemento, o envés das follas, a raíz,… non me paro a pensar no que me transmite cada planta.
Un xardín público que visitar? A min gústame moito o Parque de Castrelos, pola variedade de plantas que ten e porque cumpre un papel como parque urbano para a cidadanía que acode alí a buscar paz e calma.
Como ves a situación do sector no Baixo Miño? O Baixo Miño ten unha oportunidade enorme de desenvolvemento. Nestes anos de crise a incidencia de empresas con problemas na nosa zona foi mínima.
Desde acuBam axudouse moito a crear conciencia empresarial, a reactivar o sector xerando investimentos, esforzo, innovación,… os resultados estanse vendo cada ano.
Para min o punto de inflexión no Baixo Miño márcao a creación de Coplant hai 12 anos. Cando a fundamos, Juan Carlos (Cultivos Casaíta), Jorge (Galiplant), Santos Ozores e José Collazo (Río Tollo) e eu faciamos de todo, foi un traballo de formiguiñas. Tiñamos poucos recursos pero un obxectivo moi claro: o mercado exterior.
Comezamos traballando o mercado francés. De feito a primeira empregada que contratamos, Carolina, é nada e educada en Francia. Pateamos Francia, para coñecer o país, os seus gustos, tipoloxías de clientes, é un país con grandes diferenzas por zonas. Viaxamos moito xuntos, con tempo de diálogo, análise de proxectos e formas de traballar.
Logo foi a quenda de Inglaterra. E así, aos poucos, entrando nos mercados, non só a vender, senón a recibir deles.
Despois de 12 anos pódoche dicir que non hai grandes diferenzas entre o Baixo Miño e os países europeos cos que traballamos. As nosas producións expórtanse nun 55-60% e non é por casualidade.
Hoxe día Coplant conta cun equipo de 14 persoas eficientes. O seu nivel de calidade, produtos, márketing, loxística, está á altura de calquera das empresas dos países europeos aos que exportamos.