As gramíneas ornamentais son tendencia
4 octubre, 2016Falamos con… José Cosmed
2 noviembre, 2016Existe un convenio de colaboración social entre Viveiros Río Tollo e o centro San Xerome Emiliani
O centro San Xerome Emiliani é unha asociación de pais e nais que abriu as súas portas en 1981 ofrecendo diferentes servizos para as persoas con diversidade funcional: centro educativo, servizo de adultos e centro especial de emprego.
Con Feliciano Valcárcel, xerente da Asociación San Xerome Emiliani, falamos para que nos conte en que consiste o convenio. Realmente será un convenio de colaboración a tres, tamén entra a Deputación de Pontevedra a través do centro de investigación AREEIRO. Nos viveiros de S. Xerome levamos traballando aproximadamente un ano no cultivo de camelia para té. Comezamos a traballar baixo a supervisión de Río Tollo para testar a nosa capacidade de traballo en equipo que dirixido por Jose Collazo foi quen de obter o nivel necesario. Esta primeira fase funcionou ben, e puxemos os cementos para empezar a construír este proxecto que vai crecendo pasiño a pasiño.
Que persoas realizan este traballo dentro do centro? Ao fronte do proxecto está María Vicente, enxeñeira forestal, e con ela traballan 11 mozos e mozas estudantes do Taller de viveirismo. Son persoas de 21 anos en diante con diversidade funcional.
En que consiste o traballo? A Estación Fitopatolóxica do Areeiro facilitounos as plantas para comezar. Empezamos cuns 1000 exemplares que se cultivan baixo abrigo, en invernadoiros, para pasar logo ao exterior, nunha zona de sombreo, cunha humidade e ventilación controlada.
Cal é o obxectivo do centro con este novo cultivo? O obxectivo último é experimentar este cultivo baixo uns parámetros controlados que nos permitan facer valoracións e tomar decisións sobre si é unha oportunidade de negocio que poida xerar postos de traballo para as persoas con diversidade funcional. Actualmente estamos nunha fase de formación pero se chegamos a ter unha actividade produtiva constante necesitamos contratar persoal.
Onde se venderán as camelias do té que estades cultivando? Inicialmente na nosa tenda, Atalaia, na Guarda. Pero a parte comercial propiamente dita está pendente, así como o manipulado e envasado da planta.
Que outras plantas cultivades no centro? Temos planta de temporada que vendemos na nosa tenda e tamén aos nosos clientes do Centro Especial de Emprego que se dedican ao mantemento de zonas verdes de particulares ou concellos. Tamén vendemos plantas a través de Coplant, a comercializadora. Neste sentido somos unha empresa máis ao nivel do resto de viveiristas.
É máis complexo o cultivo da camelia do té que outros cultivos que tedes? A camelia do té é para consumo humano, o que implica uns libros de seguimento moi estritos. Pero neste sentido contamos coa experiencia e colaboración constante de Río Tollo, co que hai un entendemento total.
O viveirismo é un eixo formativo importante dentro do voso centro, pero logo hai inserción laboral nos viveiros da zona? Houbo persoas traballando nos viveiros da zona nos anos de auxe económico, entre o 2003 e 2009. Actualmente nós estamos preparados para que cando apareza a oportunidade poder integrar aos rapaces e rapazas no mercado laboral.
No curso pasado 2015-2016 o grupo de formación en Actividades Auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinería, realizou as prácticas no Viveiro Brotes. Como resultou? Repetiredes neste curso? As prácticas nos viveiros son importantísimas, e ímolas repetir sempre que poidamos. É o paso previo a poder traballar normalmente nun viveiro. No centro noso producimos planta e os rapaces e rapazas saben traballar, pero o que lle aporta un viveiro real é moito máis: un contorno novo, relacións entre compañeiros, etc.
Cal é a vosa aportación ás empresas coas que colaborades? A posibilidade de ter un compromiso social importante para demostrar que as persoas con diversidade funcional poden participar do mundo laboral como o resto das persoas, xerando un ambiente moi interesante a nivel humano. Estamos abertos a outras opcións de colaboración que se poidan plantexar.