acuBam pecha 2016 con grandes proxectos
15 diciembre, 2016Previr pragas e enfermidades
11 enero, 2017Joaquín Álvarez, Santos Rodríguez, Juan Ángel Pérez e Antonio Tartaglione, crearon hai pouco máis dun ano a súa empresa de fruticultura Cultivos Miñotos
Moita paixón, esforzo e ilusión nun proxecto que este outono deu os seus primeiros froitos: 2000 kg. de mazás. Con Antonio Tartaglione falamos para que nos conte máis do seu traballo. “Comezamos hai un ano coa plantación de 3 has de mazá e 1 ha de aguacate. Este ano xa ampliamos a 8 has de mazá e 2 has de aguacate”.
¿Que variedades de mazá cultivades? A nosa produción maioritaria é mazá para sidra que vendemos a Estrella Galicia. Están facendo unha aposta moi forte pola produción de sidra de mazá galega. A súa marca é Maeloc, que exportan aos países anglosaxóns principalmente. O resto de mazá de mesa que temos por agora comercializamos polas tendas de proximidade. Son variedades de procedencia asturiana “Xoanina”, “Regona”, “Florina”, “Raxao”, “De la Riega”. Pero estamos comezando a facer a recuperación e clasificación de variedades autóctonas do Baixo Miño, xa que Estrella Galicia non só quere facer sidra con mazás colleitadas en Galicia, senón con variedades galegas, incluso poder chegar a facer monovarietales.
O cultivo de aguacate é novo na nosa zona, de onde xurdiu a idea? Queremos ser os pioneiros en Galicia neste cultivo. O consumo do aguacate está en boga e no mercado temos moito produto foráneo pero non existe plantación en Galicia. A nivel particular, no Baixo Miño é moi habitual ver aguacates nas casas, pero nunca se lle deu valor. Nós estamos probando como se comporta o cultivo no noso clima atlántico e terra ácida. Plantamos varias variedades (“Hass”, “Bacon”) e obteremos os primeiros froitos en 2 ou 3 anos, estamos estudando como evolucionan. Vivimos un momento de experimentación que me recorda ao que suceden aquí co kiwi cando era un cultivo novo. A comercialización do aguacate farémola a través da empresa Kiwi Ibérico, que tamén teñen plantacións en Abegondo (A Coruña) e en Portugal.
Cales son os principais impedimentos que vos atopastes para iniciar a actividade? A falta de terra e a ausencia de axudas da administración. Actualmente estamos nunhas terras en réxime de aluguer pero xa temos necesidade de ampliación e temos dificultades de dispoñibilidade. A terra está abandonada e hai actividades agrícolas como a nosa, freadas, por unha xestión ineficaz das terras. En canto ás axudas da administración pública resulta moi frustrante que teñas un proxecto cun plan de viabilidade empresarial correcto, unha plantación real feita, e que che poñan requisitos de nivel de ingresos da actividade imposibles de cumprir para poder acceder ás axudas. A nosa é unha actividade de fruticultura, a inversión inicial non se recupera ata anos despois porque as árbores non van dar froito ao instante. O noso é un proxecto de desenvolvemento agrícola rural e as necesidades de financiamento son importantes no inicio da actividade.