A Mostra de cultivos do Baixo Miño nas novas da TVG
19 mayo, 2014Os nosos viveiristas en Iberflora
4 noviembre, 2014O delegado territorial da Xunta en Pontevedra analizou cos representantes dos viveiros do Baixo Miño as súas necesidades para mellorar a súa competitividade.
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, reuniuse esta mañá cos representantes de Coplant e analizar as demandas desta importante comercializadora de plantas da comarca do Baixo Miño.
En concreto, Emilio Estévez e José Collazo trasladáronlle a Cores Tourís a preocupación dos produtores e comercializadores de plantas desta comarca pontevedresa pola situación deste sector que, a diferenza doutros países europeos, ten que afrontar un IVA do 21%.
Estévez e Collazo solicitaron a mediación do delegado territorial para que a Xunta solicite aos Ministerios de Agricultura e Hacienda a redución do IVA neste sector, xa que “se fai moi difícil competir con outros países onde ese IVA está ao 6%, como ocorre en Portugal ou os Paises Baixos”.
Ademais, os representantes de COPLANT tamén solicitaron a colaboración do delegado territorial de cara a conseguir melloras na cobertura de internet na comarca do Baixo Miño, xa que “ao traballar con plantas vivas e ter todo o noso negocio informatizado, tanto a xestión con proveedores como con clientes, necesitamos unha maior capacidade de subida que a actual”, explicou Collazo.
Estévez e Collazo apoiaron a súa demanda nun informe realizado pola Universidade de Vigo segundo o cal, a capacidade da rede nesta zona da provincia de Pontevedra é un 179% menor do necesario para unha correcta circulación de datos.
Coplant Galicia SL (Comercializadora de Plantas de Galicia S.L.) é unha empresa comercializadora de plantas con sede e centro loxístico na comarca do Baixo Miño. Entre os viveiros asociados nesta comercializadora atópanse Plantas Ozores, Cultivos Casaita, s.l., Galiplant, s.a.t., Viveros Río Tollo, s.l. e Vidaplan, S.L., que contan cun total de 50 hectáreas de explotacións. Nos últimos anos, a Xunta apoiou proxectos de mellora e modernización nalgunha destas firmas por case 150.000 euros.
Cores Tourís aproveitou a visita dos representantes de Coplant para recordarlles que está aberta, ata o 30 de xullo, a orde de axudas da Consellería de Medio Rural e Mar para a constitución e funcionamento de agrupacións de produtores de plantas vivas e produtos da floricultura, que teñen como obxectivo aumentar o nivel de competitividade destas producións.
O sector da flor e da planta ornamental en Galicia ten un significativo alcance económico ao representar o 8,41% da produción final agraria. Máis do 30% dos viveiros produtores de planta ornamental presentan unha clara vocación cara a exportación fóra de Galicia.
Este sector inclúe en Galicia un total de 1.103 explotacións, das que 721 son hortícolas, 244 se dedican á flor cortada, 72 son mixtas e 37 de plantas ornamentais.
En concreto, o sector da planta ornamental resulta atractivo en termos de rendibilidade agraria, xa que é un dos cultivos que máis renda xera por unidade de superficie. Ademais, cómpre destacar o apoio institucional á promoción deste sector, ao posibilitar a súa presenza en diferentes foros profesionais que se celebran anualmente tanto en España como no estranxeiro.