Actividades Mostra Cultivos Baixo Miño 2014
29 abril, 2014Cores Tourís recolle as demandas da comercializadora Coplant para mellorar a cobertura de rede e reducir o IVE do sector
13 junio, 2014A planta ornamental é xa un símbolo do Baixo Miño e, xunto coa flor e a horta, é tamén un importantísimo piar económico para a comarca. Este ano vai facer once que produtores e comercializadores mostran ese poderío nunha feira exposición, e xa está todo en marcha para celebrar esta undécima edición.
Moitas horas de sol, temperaturas suaves e precipitacións abundantes propiciaron que a economía do Baixo Miño se asentase en boa parte na viña, a horta, a flor e a planta ornamental. Este último sector comezou a enraizar aquí en 1903, cando se instalou o primeiro viveiro. Da súa man viñeron outros e hoxe, malia a crise, xeran arredor de 500 empregos directos e facturan máis de 55 millóns de euros ao ano.
“A crise impactou bastante pero é un sector que se mantén bastante ben. Trabállase bastante coa exportación ao resto de Europa, sobre todo a Francia, Reino Unido, Alemaña. Son países que seguen consumindo, aínda que con máis sensatez, pero hai un mercado constante, e quizá é o que mantén ao sector nun nivel bastante alto”
Unha mostra da fortaleza do sector é o nacemento de novas empresas. E se a produción de planta ornamental está ben consolidada, agora parece que comeza a rexurdir a flor. Antano entendíase coma un cultivo complementario e dedicado basicamente a unha ou dúas producións, pero hoxe a filosofía cambia e de aquí saen poucas cantidades de moitas variedades de flor.
“Aquí fracasou o tema da flor porque houbo cousas que se fixeron mal, pero non porque non se poida vivir disto. Empezamos a traballar cunha filosofía distinta: non facemos grandes plantacións dun único cultivo senón rotacións, para ter moitos cultivos e ao longo de todo o ano. É que nós comercializamos, amais de producir, entón o noso obxectivo é chegar con produto fresco e de calidade aos nosos clientes, e con maior variedade, iso é un valor engadido importante.”
Tamén á innovación no mundo da flor se dedica Planidega, unha empresa que naceu hai tres anos pra poñer a proba as variedades que van saíndo ao mercado. Ata entón eran os produtores os que deixaban un pequeno espazo cada ano para probalas, e o habitual era que se innovase pouco. Agora o cambio é máis rápido, poden estar coas últimas tendencias do mercado, e con tódalas garantías de que a produción se dá ben aquí.
“A idea xurde porque dende sempre vendemos bulbos, flor e plantas, e había variedades novas que despois chegaban aquí e non se adaptaban, entón xurdiu isto como ensaio para nós e para sacalas ao mercado xa probadas, e saber fixo que van funcionar ben.”
Toda a forza do sector volverá amosarse na Mostra de Cultivos do Baixo Miño. Máis de vinte empresas asistirán á cita. Será a undécima edición desta feira que xa serviu, entre outras cousas, pra que os expositores destes anos se xuntaran nunha asociación.
“Decidimos apoiarnos mutuamente, non só os viveiros senón todas as empresas relacionadas co sector, de flor, transportes ou empresas auxiliares. Xuntámonos para poder abrir mercados e para que a xente nos coñeza e veña visitarnos e, á vez, para poder loitar por cousas necesarias, coma proxectos de investigación ou chamar á porta das institucións oficiais”
A asociación Acubam organiza a mostra de cultivos do Baixo Miño, que se celebrará os días 26 e 27 de abril no pavillón de Goián. Este ano reservarase a primeira xornada para o público profesional.
Reportaxe do programa LABRANZA sobre a Mostra de Cultivos Baixo Miño 2014 – VER