Estamos en plena temporada de hortensia
27 junio, 2016acuBam renova convenio con CaixaBank
22 julio, 2016Cando falamos de bambú estamos falando dunha gramínea de folla perenne formada por máis de 70 xéneros e 1.200 especies.
O bambú é unha das especies representativas do Baixo Miño e Cultivos Casaíta o viveiro de referencia. O 50% do bambú que se vende en España procede deste produtor. Falamos con Juan para coñecer algo máis deste cultivo exótico.
En que ano se comeza a cultivar bambú no Baixo Miño? A nosa empresa ten 28 anos de vida e 28 anos levamos cultivando bambú.
Por que bambú? Unha teima de meu pai. Comezou a reproducir todas as plantas que atopaba, entre elas o bambú. Coincidiu que tiña un contacto en Bélxica que se mostrou interesado e comezamos a exportar toda a produción. Daquela o bambú nin era coñecido nin valorado, foi unha aposta moi rompedora para o momento. Hoxe somos unha das 10 empresas que máis bambú produce de toda Europa.
Que especies cultivades? Phyllostachys e Fargesia.
O bambú ten fama de planta “invasora”. Todas as especies son invasoras, unhas máis que outras, é a súa natureza. A Fargesia, por exemplo, brota no mesmo sitio, invade moi pouco. O bambú é fácil de controlar poñendo unha barreira antirrizoma.
As condicións climáticas do Baixo Miño son as idóneas? O bambú é unha planta moi resistente que se adapta a calquera condición climática extrema, tanto de frío como de calor. Tamén soporta tanto chans ácidos coma alcalinos, pero o noso clima resulta superidóneo.
Onde están os vosos clientes? Antes da chamada “crise” exportabamos o 70% do bambú para Europa, hoxe en día exportamos o 95%, porque a demanda en España caeu e no resto de Europa mantívose.
O mercado español segue en crise? A min non me gusta o termo “crise”, eu creo que non é unha crise, é unha nova era, unha nova realidade a que temos que adaptarnos. O que valía hai tres anos, hoxe non vale. Temos que evolucionar e reinventarnos constantemente, cuns niveis de calidade cada vez máis esixentes.
Cales son as novidades no cultivo do bambú? A nosa innovación no cultivo do bambú orientámola ao mundo da comunicación. Temos moito traballo na comunicación dos elementos extraordinarios que posúe esta planta, que o mero contacto visual con ela nos transmite paz e benestar. Meu pai sempre di que nesta sociedade tremendamente estresada o bambú resulta imprescindible.
Cales son os principais usos do bambú? Sempre como planta ornamental. Como planta individual nunha esquina do xardín, para formar setos, combinar en muros, en terrazas de establecementos,… E logo en interior, con luz e auga bastante é ideal para equilibrar calquera estancia, doméstica ou comercial.
É un cultivo complicado? Non require grandes coidados porque é unha planta tremendamente robusta que case non sufre pragas, unicamente a mosca branca, pero é fácil de combater.
Como o reproducides? Empregamos diversas técnicas, pero principalmente por división de mata.
A orixe do bambú está en Asia? O bambú é endémico de todos os continentes excepto Europa. En Europa houbo bambú pero desapareceu na Era Terciaria. Pero relacionámolo co continente asiático porque o comercio con América é relativamente recente, as rutas comerciais con China levan séculos. O bambú foi introducido en España en 1880 a través dos portugueses.