Xestión de explotacións agrarias
9 noviembre, 2016Rematamos o curso “Xestión de explotacións agrarias”
22 noviembre, 2016acuBam é unha asociación sen ánimo de lucro que leva traballando dende 2013 na defensa do sector primario
Acubam é o acrónimo de “Asociación Cultivos Baixo Miño”. Actualmente conta con máis de vinte empresas asociadas, que inclúen tanto viveiros produtores de planta ornamental como empresas auxiliares do sector. A participación e colaboración de cada asociado é vital para acadar os obxectivos comúns.
A organización do traballo realízase a través de seis áreas:
O equipo técnico, coordinado por José Collazo, é o encargado de formación e investigación. Xurde da necesidade de contacto entre os técnicos das distintas explotacións. Estes contactos realízanse de forma individual ou en algunhas reunións para debater problemáticas comúns e compartir solucións adoptadas anteriormente por outras empresas. Nestas reunións xurde a necesidade de formación específica, e a partir de aí organízanse cursos e charlas específicas do ámbito verde.
A comunicación e marketing son competencia de Bea Covela. O seu labor é tanto interno coma externo. Internamente leva a distribución de tarefas específicas a cada membro da xunta directiva, ademais de traballar na realización dun imprescindible protocolo de planificación da Mostra Cultivos, o evento de maior peso organizado por acuBam. A nivel externo difunde as novas da asociación, así como supervisa a imaxe da Mostra Cultivos.
A contabilidade e as finanzas son responsabilidade de Natalia Peixoto. Xestionar cobros e pagos para manter as contas ao día e a relación coas empresas patrocinadoras de acuBam son as principais tarefas.
Juan Carlos é o encargado da presenza en feiras. A recente participación como expositor en Iberflora, Feria Internacional de Planta y Flor, Paisajismo, Tecnología y Bricojardín, supuxo para acuBam un importante esforzo de relacións públicas que deu a coñecer a comarca no mundo enteiro.
A secretaría, que engloba aspectos tan diversos como o traballo puramente administrativo ou o seguimento da execución das decisións acordadas en reunión, é responsabilidade de Óscar Vaquero, que xunto coa presidenta, Patricia Rodríguez González, son as caras máis visibles da xunta directiva.
Patricia Rodríguez González ocupa o cargo de presidenta, co principal cometido de ser o nexo entre as empresas asociadas para crear un fronte común pola defensa do sector.