Vermú entre plantas con música en directo na Feira de Cultivos do Baixo Miño
27 abril, 2023Íñigo Segurola, fan da Feira de Cultivos do Baixo Miño
10 mayo, 2023A actividade celebrarase os días 12, 13 e 14 de maio na Praza Pintor Antonio Fernández de Goián coa mesma ampla programación
A Feira de Cultivos do Baixo Miño adáptase ás circunstancias e ponlle ao mal tempo boa cara. Por mor das chuvias e das malas condicións meteorolóxicas previstas para os vindeiros días, a cita aprazarase unha semana pero manterá a súa ampla programación. Así, a Praza Pintor Antonio Fernández de Goián acollerá do 12 ao 14 de maio a décimo oitava edición da renovada Feira de Cultivos do Baixo Miño, que estrea escenario ao aire libre e unha ampla variedade de actividades para todos os públicos.
Organizada de forma conxunta pola Asociación de Cultivos do Baixo Miño e o Concello de Tomiño, a feira achegará ao público as principais novidades dos sectores da planta, froita, flor, horta e subministros da comarca, pero tamén unha morea de concertos, sesións vermú, conferencias e obradoiros con profesionais de alto nivel.
A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, asegura que “non deixaremos que o mal tempo nos apague a ilusión que temos depositada nesta nova edición da Feira de Cultivos, unha celebración que nos permitirá reunirnos novamente nun ambiente festivo e produtivo”. Pola súa banda, a presidenta de acuBam, Mariví Álvarez, destaca que “o cambio de datas non impedirá que poidamos desfrutar dunha feira moito máis participativa, dinámica, aberta e lúdica para profesionais e veciñanza”.
Entre o extenso programa de actividades destacará, entre outras, a actuación do gaiteiro Xosé Manuel Budiño, que estreará álbum e xira na Feira, ou a presenza do monologuista David Amor, que porá a nota de humor ao evento. A pioneira chef tomiñesa Toñi Vicente, ao abeiro do proxecto Eurochef de Eu Rural, compartirá fogóns co recoñecido cociñeiro galego Iván Méndez para ensinar ao público a explotar todo o potencial dos cultivos de tempada e dos produtos locais dun xeito ameno e divertido.
Vermú entre plantas con música en directo, unha zona de expositores das empresas do sector agro da comarca e unha tenda na que mercar produtos de calidade e de proximidade súmanse a un completo programa co que conquistar a todos os público. As actividades compleméntanse co Mercado de Primavera, un espazo no que se darán cita diferentes postos nos que se combinarán bixutería e xoias, artesanía en pel, mel, xabóns, madeira, libros, xoguetes… Ademais, a organización anima a todo o público a pasar un momento divertido e agradable noutros espazos como no bar, na zona de food trucks e nos establecementos hostaleiros de Goián.