Música en directo entre plantas na Feira de Cultivos do Baixo Miño
12 junio, 2024Tomiño pechou con grande éxito a súa Feira de Cultivos do Baixo Miño
21 junio, 2024Do 14 ao 16 de xuño poderase desfrutar de seis interesantes conferencias abertas a todo o público
As tendas efémeras e o Mercado de Primavera, oportunidade para mercar produtos da comarca durante a feira
A Feira de Cultivos do Baixo Miño quenta motores para tres días de lecer, diversión e formación entre plantas. Do 14 ao 16 de xuño, a Praza Pintor Antonio Fernández de Goián acollerá seis interesantes charlas coa innovación e a sostibilidade como grandes protagonistas, conferencias da man de investigadoras e investigadores da Universidade de Vigo e persoal experto que transformarán a feira nun lugar de encontro e aprendizaxe para o público.
A xornada inaugural será a máis intensa con tres relatorios que achegarán ao público diferentes aspectos do sector agro. Así, o venres 14 ás 18.00 horas a Feira de Cultivos arrancará coa conferencia da investigadora da Universidade de Vigo Nuria Pedrol, que compartirá a súa experiencia sobre a renaturalización da agricultura e o uso de novos fitosanitarios de base biolóxica. Seguirá a tarde, ás 19.00 horas, Pedro Pablo Gallego, tamén investigador da Universidade de Vigo, que explorará co público a microbiota do chan como clave dunha agricultura saudable. A xornada pecharase ás 20.00 horas coa charla de Marc Capilla, CEO de Fliwer, que afondará na aplicación da intelixencia artificial no sector dos cultivos.
O sábado 15 a investigadora da Universidade de Vigo Adela Sánchez Moreiras abrirá a programación cunha charla centrada no manexo agroecolóxico para o control de malas herbas sen herbicidas. O domingo 16 péchase con dobre sesión: ás 11.00 horas Rafael Carrera, de Coxapo, afondará na nova normativa sobre a dixitalización para o control de caudais e, ás 12.00 horas, Xavier Simón, investigador da Universidade de Vigo e do Observatorio Eólico de Galicia falará sobre as comunidades enerxéticas como unha oportunidade para o rural.
Unha feira para mercar
O público poderá desfrutar na Feira de Cultivos do Baixo Miño dun amplo programa de lecer… e das compras. Un ano máis, o Mercado de Primavera abrirá as súas portas para que produtores, produtoras, artesáns e artesás vendan ao público os seus produtos.
Pero non será o único lugar de venda: a feira deixa oco este ano para as Tendas Efémeras, espazos no que os propios expositores poderán vender plantas e produtos da comarca. Terán á venda os seus produtos Viveiros da Barxa, Viveros Nilo, Terras do Miño e A Rosaleira.
O horario de apertura da zona de exposición da feira, así como do Mercado de Primavera e das tendas efémeras será o venres de 17.00 a 21.00 horas e sábado e domingo de 10.00 a 15.00 e de 17.30 a 21.00 horas.
Organizada pola Asociación de Cultivos do Baixo Miño (acuBam) e o Concello, a feira mantén nesta edición a súa aposta polo formato ao aire libre e por tres días de encontro desfrutando do espazo público ao aire libre e levando as principais novidades dos sectores da planta, froita, flor, horta e subministros á rúa.