Aprazada pola chuvia a Feira de Cultivos do Baixo Miño
2 mayo, 2023O sector da planta ornamental visita a Feira Plantarium de Holanda
1 septiembre, 2023O paisaxista ofrecerá en Goián un obradoiro e unha charla sobre Lur Garden, o paraíso natural máis bonito de Euskadi que creou tras o seu paso por Bricomanía
A Feira de Cultivos do Baixo Miño quenta motores para ofrecer ao público do 12 ao 14 de maio tres xornadas de pleno contacto co sector agro da comarca, pero tamén de concertos, conferencias, obradoiros e moito máis nun completo programa polo que pasarán moitas caras coñecidas. Entre elas, a do paisaxista Íñigo Segurola, un dos rostros visibles durante case dúas décadas dos programas Bricomanía e Decogarden, que estará en Goián con sesión dobre para achegar ao público ao mundo da xardinería dende diferentes perspectivas.
Segurola subirase o domingo 14 de maio (12 h) ao escenario para dar unha interesante charla sobre o seu proxecto máis persoal, ‘Lur Garden, o xardín de xardíns en Oiartzun’, un paraíso natural de 20.000 m2 agochado nun pequeno val de Euskadi. Segurola debullará os segredos deste verxel no que plasmou a máxima expresividade nos 16 xardíns temáticos que compoñen o conxunto e que agora está aberto ao público.
Enxeñeiro técnico Agrícola pola Universidade Pública de Navarra e cun grao superior en Arquitectura da Paisaxe pola Universidade Heriot-Watt de Edimburgo, Íñigo Segurola exerceu como docente durante máis dunha década en escolas de arquitectura e deseño e conta co seu propio estudo, LUR Paisajistak, co que ten participado en grandes proxectos públicos e privados de parques e xardíns.
Non será a única intervención de Segurola na Feira de Cultivos do Baixo Miño. O sábado 13 o paisaxista ofrecerá un obradoiro básico de deseño de xardíns aberto a todo o público. Será un taller de balde ás 17.30 horas con prazas limitadas, polo que será necesaria a inscrición previa no expositor de acuBam durante a feira con anterioridade á celebración do obradoiro.
Máis obradoiros
Organizada de forma conxunta pola Asociación de Cultivos do Baixo Miño e o Concello de Tomiño, a XVIII Feira de Cultivos do Baixo Miño conta cun amplo programa de actividades entre as que se atopan numerosos obradoiros e demostracións de balde abertas a todos os públicos. Así, o domingo 14 pola mañá haberá ás 11.00 horas un obradoiro para aprender a separar para compostar e para reciclar a cargo do programa Revitaliza do Concello de Tomiño e ás 12.00 horas un de conservas vexetais creativas con Amparo Grandío, de Conservas Petiscos.
Xa pola tarde, será a quenda dos obradoiros de balde dirixidos a público infantil, cun taller ás 17.00 horas sobre construcións para aprender máis alá de LEGO e outro de xoiaría no que descubrir como facer un anel de cobre ás 18.00 horas.
Para participar en todos os obradoiros e talleres será necesaria a inscrición previa. As persoas interesadas poden reservar praza no expositor de acuBam durante a feira con anterioridade á celebración do curso.
A alcaldesa de Tomiño, Sandra González anima a toda a veciñanza a participar nunha feira cunha ampla programación “coa que queremos brindar unha experiencia enriquecedora a todas e todos os visitantes. E fixémolo cunha ampla variedade de actividades e creando espazos de interacción e aprendizaxe mutuo entre a veciñanza e o sector agro da nosa comarca”.
Pola súa banda, a presidenta de acuBam, Mariví Álvarez, salientou que se trata “dunha oportunidade única de celebrar e promover a riqueza do noso agro e de fomentar o produto local. Será unha feira que promete diversión, aprendizaxe e unha oportunidade única para desfrutar dun sector tan importante para todas e todos nós”.