As empresas do agro do Baixo Miño comezamos, este venres, unha xeira de colaboración coa Universidade de Vigo co fin de aplicar o coñecemento científico e investigacións que desenvolven na mellora da xestión das producións e na solución dos problemas do sector.
Hoxe celebrouse a I “Xornada de Transferencia” xunto á Universidade de Vigo co fin de artellar lazos de colaboración. Unha actividade que arrancou coa visita a Flores Toxal e ao Viveiro Río Tollo para coñecer de primeira man os modelos de produción que están a desenvolver.
A xornada continuou no pleno do concello de Tomiño, coa participación de representantes das empresas que forman parte da Asociación de Cultivos do Baixo Miño. Eles foron os encargados de expoñer a situación na que se atopa o sector da produción hortofrutícola, produtores de flor e viveiros e os retos que temos por diante.
Dende a Uvigo, os catorce grupos de investigación que participaron, deron a coñecer as investigacións que están a desenvolver e que poden ter aplicación práctica nas nosas empresas co obxectivo de continuar mellorando.
Unha xornada na que falamos de temas fundamentais para nós como a mellora da conectividade das explotacións, a mecanización, a xestión de residuos, alternativas enerxéticas, captación de talento ou profesionalización. Así, a presidente da Asociación de Cultivos do Baixo Miño, Mariví Álvarez, puxo en valor o traballo das empresas do sector hortofrutícola pero destacou os retos que temos por diante como a innovación, a sostibilidade, o cambio climático, a dixitalización ou a atracción de talento.
O reitor da Universidade, Manuel Reigosa, agradeceu a iniciativa de acuBam e expresou a súa esperanza de que “a semente que plantamos hoxe, agrome no futuro”
Unha xornada de traballo, que se desenvolveu no pleno do Concello de Tomiñó, e que contou coa participación da súa alcaldesa, Sandra González, quen subliñou a importancia de que a universidade “traslade o seu coñecemento ao sector empresarial de todo o Baixo Miño”
Unha actividade, que é a primeira dunha xeira de colaboracións coa universidade que lle permitirá ás empresas coñecer os laboratorios e as liñas de investigación para dar resposta ás súas demandas.