Xa temos imaxe da Mostra 2016
20 octubre, 2015Cor para os meses fríos
20 noviembre, 2015O picudo vermello é un insecto que se alimenta das Palmáceas, atacando sobre todo á especie Phoenix Canariensis
O primeiro caso en Galicia detectouse hai máis de ano e medio en Gondomar nun xardín particular. Sospéitase que o insecto chegou nunha importación de exemplares do Levante español. Se non se realiza ningún tipo de tratamento ou control, en todos os casos os danos ocasionados pola praga conducen á morte da palmeira afectada dada a elevada poboación que a coloniza. Os síntomas que se poden apreciar nunha árbore enferma son a perda de cor das follas ou o seu decaemento. Autoridades e espertos recoñecen as dificultades para combater esta praga unha vez que infecta un exemplar. As palmeiras afectadas deben de ser cortados para posteriormente trituradas,enterralas ou queimalas.
Actualmente está prohibida a venda de palmeiras nos viveiros do Baixo Miño por estar localizados dentro da zona de influencia da praga. Viveiros da Barxa, Viveiros Nilo, Cultivos Casaíta e Galiplant son as empresas afectadas. Falamos con Óscar, de Viveiros da Barxa, para coñecer as súas impresións. “Estamos preocupados porque non podemos vender exemplares de máis de 5 cm. de diámetro na base do tronco, ou sexa, o 70% da miña produción”.
Cal é a zona afectada en Galicia? O sur de Pontevedra. Está atacando gravemente ao Val Miñor, onde comezou; pero agora xa se estendeu ao Baixo Miño, Louriña, Paradanta, Vigo… é unha praga cunha capacidade de propagación moi alta. Temos o hándicap de estar pegados a Portugal, que ten o litoral norte gravemente afectado.
Como se sabe que a palmeira está afectada? Cando comezan a caerlle as follas da cabeza xa é grave a situación. As persoas propietarias de palmeiras deberían estar máis informadas dende os concellos, creo que a administración local non está tomando mans no asunto como debera. Dende os concellos deberían sacar notas informativas, divulgar o protocolo, para que as persoas coñezan a praga.
Que medidas estades tomando os produtores de Palmáceas? Estamos aplicando o protocolo que nos informou a Xunta de Galicia. Realizamos tratamentos preventivos cada 3 semanas. Nós non tivemos ningún exemplar afectado, pero estamos moi alerta.
Dende cando tendes paralizadas as vendas? Dende hai tres meses. Estamos en comunicacións continuas co Servizo de Sanidade Vexetal para que comproben que estamos tomando todas as precaucións posibles e así nos permitan vender a planta. No Levante español conviven co insecto e non por iso paralizan as vendas aos viveiros. Non podemos continuar paralizados por moito tempo.
Que debe de facer unha persoa que detecta danos na súa palmeira? É obrigatorio notificalo á Consellería do Medio Rural posto que se trata dun organismo de corentena. Poden poñerse en contacto co seu Concello ou Oficina de Extensión Agraria máis próxima. Os inspectores de sanidade vexetal pasaran a comprobar que se trata do organismo especificado e o nivel de danos que presenta a palmeira. En función deste nivel de danos, recomendaranlle un tratamento para a loita e control do mesmo. En caso de que o nivel de afectación sexa elevado comunicaranlle que debe proceder á súa destrución.