Xa estamos no Facebook!!!
1 abril, 2013Demostración de modelado de madeira con motoserra
8 abril, 2013O sector dos cultivos proporciona un importante desenvolvemento económico e social na nosa comarca, en especial no Concello de Tomiño. Isto é debido ás importantes extensións de terreo dedicadas ao cultivo ao aire libre, especialmente de planta ornamental, o que a converte nunha actividade importante fonte de emprego e riqueza.
As orixes do viveirismo ornamental no Baixo Miño remóntanse aos primeiros anos do século XX, cando Viveiros Peixoto se instalou na zona como o primeiro viveiro de planta ornamental. Seguirían a súa estela diversas empresas, que enseguida caeron na conta da oportunidade de negocio que albergaba a nova actividade.
O excepcional microclima da zona, xunto coa calidade das súas terras ácidas, propiciarán o desenvolvemento deste sector, que aglutina a produción de planta ornamental, flor e produto da horta. Na actualidade dedícanse máis de 100 hectáreas á produción de plantas ornamentais, unhas 50 hectáreas á produción de flor e a mesma extensión de terreo a produtos da horta.
É un sector dinámico que continúa avanzando e expandíndose, e aumentando tamén as súas exportacións, non só ao territorio español senón tamén a países coma Portugal, Francia, Inglaterra, Bélxica ou Suíza.
A principal produción dos viveiros céntrase nas plantas e árbores ornamentais, coma por exemplo hortensias, rododendros, camelias, magnolios, azaleas, acivros… Pero tamén están adquirindo nos últimos anos un importante peso a produción de froitas coma o kiwi ou o mirabel, de produción única nesta zona e tamén a de flor e produtos da horta, que son a materia prima das conserveiras vexetais da zona.
Cómpre destacar de xeito especial o pulo que está adquirindo a produción do kiwi, sustentada pola excelente adaptación que esta froita, noutro tempo “exótica”, fixo ás condicións climáticas do Baixo Miño.
Ten unhas excelentes propiedades alimenticias, e un moderado aporte calórico, o que fai dela unha idónea sobremesa. O kiwi consúmese principalmente coma “froita fresca”, pero a súa versatilidade permite empregala para numerosas elaboracións pasteleiras e incluso nalgunhas ocasións, ser cociñada.
O kiwi provén orixinariamente da China Continental, concretamente das ladeiras do Himalaya e na actualidade o seu cultivo se estende por Nova Zelanda, Brasil, Italia, España e Chile.
Dentro de España a produción se concentra principalmente en Galicia, que acada o 55% da produción nacional, pero o dato máis interesante e pouco coñecido ata o de agora, é que o 60 % da superficie cultivada se atopa no Baixo Miño.
Deste xeito, este cultivo convértese no principal obxecto de produción e exportación do municipio, e un dos maiores motores de creación de emprego xunto co cultivo da vide e de planta ornamental.
As expectativas cara o futuro tamén son moi alentadoras, dado que España só produce o 10% do que consume e o kiwi é unha froita que mantén unha produción bastante boa por hectárea, axudada polas boas condicións climáticas do Baixo Miño.