Falamos con Viveiros Rocha
2 junio, 2016Traballando cada día polo futuro do sector
15 junio, 2016A comitiva irlandesa do proxecto “Life Rural Supplies” visita Tomiño para coñecer as súas Traídas de Augas
COXAPO (Comunidade Xeral de Augas de Galicia) leva 8 anos traballando na mellora da calidade da auga da nosa comunidade. Nesta liña, adheriuse ao proxecto europeo “Life Rural Supplies” co obxectivo de compartir experiencias comúns neste eido.
COXAPO e acuBam traballan en estreita colaboración dende os seus inicios, sendo a auga un valor fundamental do sector produtivo de planta ornamental da zona. No Baixo Miño contamos cunha excelente calidade de auga que nos permite cultivar plantas naturalmente sas.
Estes días a comitiva irlandesa do proxecto “Life Rural Supplies” visita Tomiño para coñecer in situ as instalacións das súas Traídas de Augas. Realizaranse visitas ás traídas de Amorín, O Barro e Tomiño, co fin de coñecer o estado das instalacións e a forma de xestión veciñal.
Os visitantes foron recibidos de forma oficial na Casa de Cultura pola alcaldesa de Tomiño, Sandra González, e os concelleiros de Vías e Obras, Francisco Campo Lago, e de Medio Ambiente, María Xosé Vázquez.
Entre outras autoridades presentes, atopábanse en calidade de convidados, Roberto Arias, subdirector de Augas de Galicia, e Manuel Álvarez, xefe do servizo de Sanidade.
Durante o acto, a técnica en Saúde Ambiental de COXAPO, Caridad de Santiago, referiuse ás principais problemáticas coas que se atopan diariamente na xestión da auga e as solucións alcanzadas. Entre os primeiros salientou o abandono das instalacións, a resistencia ao cambio por parte das directivas, o descoñecemento da normativa e do valor da auga coma recurso de vida. Entra as solucións que tentan dar dende a asociación, con sede en Estás (Tomiño), figuran o asesoramento, auditoría técnicas, charlas informativas e formativas e, sobre todo, moita concienciación sobre a importancia da auga e o risco de contraer enfermidades.
Pecharon o acto dous integrantes do continxente irlandés, Paddy Ward e Brian MacDonhnaill, agradecendo a benvida e hospitalidade dos organizadores e asegurando que a clave do éxito no tema das traídas é a colaboración e o traballo conxunto das comunidades, entidades políticas, federación de augas, etc.