Publicación dos “Premios acuBam Innovación 2017″
20 abril, 2017Premios acuBam Innovación 2017 a Cultivos Casaíta
29 mayo, 2017Cultivos Miñotos é unha empresa de fruticultura creada en 2016 por Joaquín Álvarez, Santos Rodríguez, Juan Ángel Pérez e Antonio Tartaglione
Que vos animou a asociarvos a acuBam? O feito de estar asociados é moi importante para defender os intereses comúns. Queremos participar en grupo das problemáticas da agricultura porque individualmente non se consegue nada. Canta máis participación e asociacionismo hai, máis avanza un sector. Era algo que queríamos facer dende había tempo, pero por unhas cuestións ou outras non dabamos feito, pero logo da Mostra deste ano dixemos, non podemos postergalo máis.
Que esperas recibir da asociación? Será un enriquecemento mutuo, nós aportaremos o que poidamos. Queremos estar nun foro no que teñamos máis capacidade de negociar coa administración.
Como percibes ti o trato da administración cara o voso sector? Vexo que manifestan a intención de apostar polo rural, polo agro, pero non se materializa esa intención. O sector primario segue a ser o “patiño feo” da economía galega e considero que debería de ser todo o contrario. Somos potencia forestal e agraria porque temos a terra, o clima e a auga. Canto máis desenrolado é un país máis mima a súa agricultura.
Como valoras a situación do sector dende dentro? Eu vexo que o traballo é moi gratificante. A tecnoloxía actual permite realizar o traballo dun modo digno. O traballo coa natureza non te aburre nunca, as tarefas son moi variadas e vivir a evolución dun cultivo dende a súa plantación é moi estimulante, é unha expresión de vida.
A xente moza interésase polo agro? En Galicia perdéronse un par de xeracións polo rexeitamento social cara a “xente do campo”. Valorouse o traballo en fábrica en detrimento do traballo coa terra. Hoxe en día hai xente nova formada no sector que non ten estes prexuízos e se está achegando ao traballo no campo, pero moi lentamente. Moito nos queda por facer neste eido.
A evolución de Cultivos Miñotos é asombrosa. Partindo en 2016 cunha plantación de 3 has de mazá e 1 ha de aguacate, este ano xa teñen 8 has de mazá e 2 has de aguacate.
Cantas variedades de mazá cultivades? Experimentamos con moitas, máis dunha ducia. Das Asturianas, a “Regona”, “Raxao”, “De la Riega”; teñen fama de funcionar ben en Galicia, pero a nosa zona non ten nada que ver coa Estrada ou Chantada, con máis traxectoria no cultivo das maceiras. Precisamente agora estamos en fase de plantación dunhas 1.000 maceiras da zona do Baixo Miño. Sabes como as identificamos? “As da casa de Merche”, “As do Coruto”,… porque a xente non sabe a variedade que ten, a maceira é boa e leva alí toda a vida. O noso interese vai máis pola recuperación de variedades autóctonas galegas que é tamén o que nos pide o noso principal cliente, Maeloc de Estrella Galicia, que está traballando na consecución dunha sidra 100% galega.
Xa se pode augurar unha previsión para a colleita deste ano? A floración está sendo magnífica, pero a colleita dependerá da duración da seca, ou que veña calquera incidencia meteorolóxica grave. Pero 10.000 Kg. deberíamos de recoller. Sabemos que nos tres primeiros anos a colleita é anecdótica, é tempo de preparar as árbores. De feito, retiramos moito froito para non cargar a árbore nas súas primeiras colleitas porque sabemos que non é bo que sufra.
Independentemente das choivas, vós tedes que regar? Si claro! A metade das parcelas xa dispoñen de rego por goteo e na outra metade regamos con cisterna. A nosa intención é instalar rego automático en toda a plantación, de feito estamos solicitando axudas polo Plan de Mellora da Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia para afrontar a inversión.
O segundo cultivo en importancia é o aguacate, haberá colleita este ano? Este inverno foi fatídico para o aguacate polas continuas xeadas. O aguacate é un cultivo de climas temperados e non admite temperaturas baixo cero tantos días seguidos como tivemos este inverno. Moito froito caeu e moita planta secou. Agora estamos con tratamentos en cobre e aminoácidos para reactivar as plantas, podas de saneamento e replantando. Nunha empresa de fruticultura hai que ter moita paciencia, os ciclos son moi longos porque traballamos coa natureza.
Tedes algún cultivo novo? O ano pasado comezamos a experimentar coa faba para ter un cultivo anual que nos proporcionase ingresos regulares pero de momento decidimos paralizar o proxecto. É un cultivo moi traballoso e delicado para o escaso marxe de beneficio que se pode conseguir. Decidimos centrarnos na mazá e aguacate.