Cos pés na terra. Actividades de información e demostración
9 agosto, 2017O Programa “Cos Pés na Terra” da Escola EU RURAL comeza o seu itinerario formativo
31 agosto, 2017Con motivo da saída á rúa do Plan Estraétxico quixemos falar con Sandra González, alcaldesa de Tomiño, para que nos contara de primeira man as súas impresións sobre o Plan.
De onde partiu a idea de elaborar o Plan Estratéxico?
Para o concello de Tomiño e para este equipo de goberno o tecido socioeconómico do noso territorio é unha prioridade. O viveirismo é un sector produtivo fundamental no noso concello e no Baixo Miño, e cremos que unha ferramenta fundamental para seguir traballando en clave de futuro pasa por saber onde nos atopamos e onde queremos ir, e para iso a elaboración dunha diagnose e dun plan estratéxico é unha ferramenta moi poderosa. Con ese obxectivo propuxemos dende o concello a acuBam a elaboración deste plan estratéxico, ao que posteriormente se sumaron os concellos de A Guarda e O Rosal.
Como afronta o Concello ser o núcleo integrador dun traballo con tanta amplitude e que abarca outros municipios?
Con moita ilusión e vocación de servizo. Para nós promover accións como esta, que axuden ao sector a avanzar e a consolidarse como o motor económico da nosa comarca é unha honra e unha ledicia, e estamos convencidos de que este plan estratéxico servirá precisamente para iso, para que un sector económico tan importante no noso territorio o sexa cada vez máis, e á súa vez supoña un impulso no campo social e laboral.
Que lle pareceron os resultados? Esperados?
A verdade é que desde o primeiro momento todos e cada un dos axentes e grupos de interese, empresas, asociacións… se implicaron totalmente, abrindo as súas portas e facilitando unha información que é moi valiosa para saber onde estamos e en que podemos mellorar. Os resultados conseguidos poden dar claves de futuro moi interesantes.
O asociacionismo, representado por acuBam, e a Mostra de Cultivos son sinalados no Plan como unha das fortalezas do sector. Sen dúbida o Concello impulsou a creación da asociación. Lembras os comezos? Que viu naquel grupo de empresarios para darlle ánimos?
O papel que desenvolve acuBam como asociación aglutinadora das empresas e entidades ligadas ao sector viveirista é fundamental para seguir impulsando esta actividade económica. O asociacionismo é un modelo de participación cidadá que no Concello de Tomiño valoramos e apoiamos moito, na medida das nosas posibilidades.
A Mostra de Cultivos, como cita anual do sector é, na nosa opinión, unha fortaleza na actualidad, pero tamén unha oportunidade cara o futuro, xa que supón un escaparate no que amosar a forza e o potencial de crecemento que temos.
Naquelas persoas que posibilitaron a creación de acuBam, ao igual que nas persoas que dirixen a asociación na actualidade, vimos ilusión e moitas ganas de promover unha actividad en beneficio de todos e todas, e con eses ingredientes nos sempre que podemos nos apuntamos e apoiamos.
O Plan sinala como debilidades o baixo nivel de profesionalización. Dedicarse ao sector do viveirismo aínda parece algo negativo no Baixo Miño. Como podemos atallar esta impresión?
A formación continua é sempre unha excelente estratexia en case todos os ámbitos da vida, e non é diferente neste caso. Nos cremos que contamos cun sector moi profesional pero que aínda puede crecer, mellorar, incrementar a súa presenza nos mercados internacionais,… Isto tampouco se alonxa moito doutros sectores produtivos de Galicia. A clave está en seguir mellorando e focalizar os esforzos na dirección axeitada. Mellorar a través da formación de calidade orientada á mellora da calificación profesional no sector estamos seguros que será unha aposta de futuro, e case case de presente.
No referente á percepción negativa que mencionas, penso que temos que estar moi orgullosos e orgullosas da potencia, tamaño e capacidade do noso viveirismo. O feito de que sexamos os produtores dunha parte moi importante da planta ornamental que se comercializa en Europa ten que ser para nos un valor no noso territorio. Neste sentido seguiremos traballando para por en valor esta actividade económica que tan estreitamente está ligada ao noso territorio e a nosa poboación.