Sorteo dun cortacéspede cortesía de Talleres El Milagro
23 abril, 2013O festival alaricano usará plantas e flores do Baixo Miño
18 junio, 2013Cuerpo del Mensaje:
IGAPE (Instituto Galego de Promoción Económica)
Don Javier Aguilera
Director Xeral
Complexo Administrativo de San Lázaro, s/n
15703. Santiago de Compostela
Prezado Javier:
Coma alcaldesa do Concello de Tomiño, gustaríame trasladarlle unha inquedanza que comparto cos empresarios do sector do viveirismo e da agricultura da nosa vila, en relación á convocatoria do programa “Re-Acciona”, que é a imposibilidade deste sector de poder optar ás axudas.
Coma vostede seguramente sabe, o devandito sector constitúe o principal motor económico da Comarca do Baixo Miño e en especial do noso concello. So coma referencia, podo dicirlle que este sector xera 500 empregos directos (70% deles femininos) e 200 indirectos na actualidade; representa unhas 600 hectáreas cultivadas (planta ornamental, flor cortada, horta, froita, etc.), cuxa producción distribúese en España (60 %) e no estranxeiro (40 % restante), cunha facturación anual que rolda os 55 millóns de euros.
Outro exemplo da importancia deste sector é a Mostra de Cultivos do Baixo Miño, organizada cada ano polos propios produtores, coa colaboración do Concello, dende hai máis dunha década, e co fin de dar a coñecer o traballo e crecemento das empresas, así coma as innovacións do sector.
Dado que entre os obxectivos do devandito programa “Re-Acciona”, figura a prestación de servizos para a mellora da competitividade (“facer accesibles ás Pemes servizos de alto valor engadido orientados á adquisición de competencias por parte do capital humano da empresa, como fonte de creación de vantaxes competitivas sostibles”), penso que o caso das empresas do noso concello, podería encadrarse no voso programa, xa que se trata de varios empresarios do sector do viveiro e dos cultivos, que procuran consolidar o seu mercado, facéndoo cada vez máis competitivo e creando novas vías de exportación e innovación.
Por todo o exposto, compraceríame moito a min persoalmente, coma alcaldesa de Tomiño, e a eles coma empresarios, que en futuras convocatorias deste programa se valorase a posibilidade de incluíren o sector primario da agricultura e o viveirismo coma beneficiario do programa impulsado desde o instituto que vostede dirixe.
Sen outro particular, e quedando a súa disposición para calquera aclaración ou suxestión, fágolle chegar un cordial saúdo.
Tomiño, 31 de maio de 2013
Asdo.: Sandra González Álvarez
ALCALDESA DO CONCELLO DE TOMIÑO