Conferencia de Fernando Sánchez Salinero
31 marzo, 2016Formación acuBam “Fitopatoloxía 2016”
19 abril, 2016Balance moi positivo para a Mostra Cultivos 2016.
A 13ª Mostra Cultivos Baixo Miño, organizada por acuBam en colaboración co Concello de Tomiño, pecha as súas portas cun balance moi positivo: máis de 3000 visitantes e un incremento dos contactos comerciais superior ao 40%. Así o manifestou o seu presidente José Cosmed, logo da clausura da Mostra. Cal é a valoración global desta Mostra 2016? “Mellor que nunca, sobre todo o sábado pola mañá. As conferencias atraen a profesionais do sector, o que propicia un ambiente de traballo que é o que buscamos coa Mostra”.
As conferencias
A asistencia dunhas 300 persoas ás conferencias do sábado pola mañá propiciou un ambiente profesional na Mostra. Antón Vázquez, Inspector de Sanidade Vexetal, realizou unha interesante charla que suscitou multitude de preguntas entre os asistentes, demostrando que o profesional está preocupado pola situación fitosanitaria actual. Máis lúdica foi a intervención de Sánchez Salinero, que relaxou o ambiente cun ton cómico e participativo, abrindo a mente dos asistentes. O éxito das conferencias leva a acuBam a intentar continuar nesta liña de traballo para próximas edicións. Pola tarde, en colaboración con COXAPO, celebráronse tres charlas sobre a auga. Unhas 350 persoas acudiron a escoitar a problemática do Plan Hidrolóxico e da sanidade da auga, elemento vital para as empresas do sector.
Novos expositores
A participación de tres viveiros portugueses e doutros puntos de Galicia constitúe unha novidade desta edición. Sergio Casanova, de Viana do Castelo, comentaba que “estaba desexando acudir, pero no foi posible ata este ano”. José Cosmed, presidente de acuBam asegura que “os viveiros de Portugal quedaron encantados coa Mostra, desexando repetir para o ano”. Raiz da Terra, de Vila Praia de Âncora; Casanova Jardins, de Viana do Castelo, e Verdeneiva, de Alvaraes son as empresas que viñeron de Portugal. Hifas da Terra, de Pontevedra.
“Innovación Acubam 2016”
Por primeira vez a Mostra Cultivos Baixo Miño contou cun stand de novidades para promover a competitividade empresarial en Galicia e Norte de Portugal. Un espazo no que as empresas expositoras puideron presentar as súas primicias, tanto de produción e distribución de planta ornamental como maquinaria auxiliar.
Nove foron as empresas participantes no stand “Innovación Acubam 2016”:
- Xargal presentou un decantador de grava con medidor de temperatura, cloro e PH.
- Hifas da Terra presentou árbores micorrizados de gran porte para cultivo de boletus e níscalos.
- Verdeneiva presentou plantas en vaso.
- Cultivos Casaíta presentou tres plantas de tronco en espiral: Ficus Buda, Domando Egos e Arce.
- Río Tollo presentou a hortensia que florece catro veces ao ano, Magical Four Seassons.
- Plan IdGa presentou novas cores e formas de plantas en maceta como surfinia, nova variedade de tulipán “Barcelona” e “World Favorite”, xeranios con tonalidades diferentes e resistentes a enfermidades, ademais de outros híbridos interpacíficos que son cruce de zonal e peltatum.
- Raiz da Terra presentou unha nova variedade de planta orixinaria de Irlanda, apta para climas fríos, crisalinea green.
- Viveiros da Barxa presentou dúas gramíneas ornamentais, Festuca Glauca e Uncinia Rubra.
- Talleres El Milagro presentou un soplador eléctrico de mochila da marca Sthil, con importantes melloras de suxeición e comodidade no apagado e acendido dende as empuñaduras.
Presencia institucional
José Cosmed, presidente de acuBam, manifestou o seu agradecemento aos alcaldes da comarca, que ano tras ano dan o seu apoio a esta feira, aos deputados provinciais Eva Vilaverde e Uxío Benítez, o alcalde de Allariz, ao Presidente de Cámara Municipal de Vilanova de Cerveira, a Conselleira de Medio Rural, e moitas persoas que recoñecen o traballo que a Asociación Cultivos Baixo Miño está levando a cabo na defensa do sector.
José Cosmed salientou no acto inaugural o especial esforzo de internacionalización realizado este ano para abrir a Mostra a expositores lusos e doutras zonas do país. “Esta mostra permítenos por en valor o noso traballo, profesionalizar o sector, mellorar a nosa produción e xerar cada vez máis emprego”, indicou.
A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, definiu a feira coma unha mostra consolidada, única no seu tipo en Galicia, e asegurou que o Concello “non se cansará de loitar por un sector que na actualidade é a columna vertebral da economía tomiñesa”. Neste senso, a rexedora salientou que o sector dos cultivos é a día de hoxe o primeiro na economía local, cun volume de negocio que rolda os 50 millóns de euros ao ano.
A visita no domingo da conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez, permitiulle comprobar in situ a importancia económica do sector viveirista na comarca. Os expositores puideron trasladarlle as súas necesidades directamente, centradas sobre todo na necesidade de rematar a concentración parcelaria para poder ter acceso á terra. Moitas empresas do sector están paradas por non poder ampliar as súas instalacións. Esta necesidade xa fora trasladada á conselleira nunha reunión que meses atrás a directiva de acuBam e a alcaldesa de Tomiño mantiveran en Santiago de Compostela.
Logo de facer un percorrido por todos os stands da Mostra a conselleira visitou as instalacións de Coplant, onde foi recibida polo seu xerente, Emilio Estévez. Explicóuselle a organización de entrada de planta dos diferentes produtores, a loxística para comercializar o produto por toda Europa, os pedidos e todo o proceso de traballo da empresa que comercializa a maioría do cultivo do Baixo Miño. A conselleira marchou sorprendida e “con moitos deberes que facer”.
“As nosas amigas as plantas III”
Patricia Casaleiro foi a bióloga voluntaria responsable este ano de realizar o proxecto educativo nas aulas dos colexios de Tomiño. Case 500 nenos e nenas aportaron creatividade e paixón pola natureza. O seu stand, cheo de zapatos e botas que servían de maceta para novas plantas, puxo a nota de ilusión e futura nesta Mostra. Orgullosos de poder seguir adiante un ano máis con este proxecto que é o buque insignia do compromiso de acuBam coa formación dos máis pequenos e a concienciación social da importancia e valor da natureza.
Exposición de arte
Un ano máis, a Mostra serviu de escaparate para que os artistas locais amosen as súas creacións co viveirismo como fío argumental. Camufladas no espazo expositivo como unha planta máis o visitante puido descubrir obras de pintores como Conchi González, Libia Domínguez, Mercedes Moreira, Naa Martínez, Orlanda Gomes ou escultores como Adrián Pena, Ignacio Moure, Jose Luis Rodríguez, Luis Álvarez, Xuxo Malone, Carlos Fierro.
Andrea Pousa e Bruxo Queiman
A artista tomiñesa Andrea Pousa pechou a Mostra o domingo pola tarde nun concerto moi especial na súa terra, acompañada pola súa banda e o Bruxo Queiman, presentes tamén no acto de inauguración. A tematización da orixe celta da planta atlántica unida á forza carismática do actor Bruxo Queiman e a sensibilidade creativa da cantante Andrea Pousa fixeron do espectáculo un peche emocionante para unha Mostra chea de futuro.