Segunda sesión: a viña
5 marzo, 2015La Caixa mantén o seu apoio a Acubam
9 marzo, 2015As mulleres representan o 75% do emprego directo do sector viverístico.
O papel da muller na evolución e profesionalización do sector é evidente no Baixo Miño. A unión da muller co traballo na terra é ancestral, como tamén o é no traballo doméstico.
Falamos con dúas mulleres expertas na vida e no sector. Charo e Ricarda levan dedicadas ao mundo dos cultivos toda a vida, e toda a vida tamén á fronte da súa casa e a súa familia.
Nome Rosario Martínez Ramos. Idade 51 anos. Traballo en Viveiros Nilo dende hai 25 anos.
Que traballo realizas? Enmacetar, limpar planta, ensinar planta a algún cliente, sulfatar, podar,…
Dende cando traballas no sector dos cultivos? Antes de traballar en Viveiros Nilo xa traballei algo pola miña conta nos caraveis e noutros traballos.
Que é o que máis che gusta do teu traballo? Gústame todo o traballo que fago porque cambias. Se chove, estamos a enmacetando. Mañá, limpando planta.
A túa planta favorita? Hai tantas! O Acer encántame.
Como é a conciliación da vida laboral e familiar? Traballamos en equipo a miña filla, o meu marido e eu. Somos tres persoas e as tres facemos de todo. Tanto fai a comida un, a roupa outro. Se non fose así, sería imposible.
Gustaríache que a túa filla se dedicase aos cultivos? Mmm… Nun sentido non. Este é un traballo moi bonito pero é moi sufrido porque pasas frío en inverno, calor en verán.
Notaches evolución? Cambios si. Moita maquinaria, plantas que antes tiñamos poucas como Phormium, agora son miles e miles que vendemos para toda Europa. O que pasa é que tamén se notou a crise. Antes eramos trinta e pico e agora somos a metade.
O 75% das persoas que traballan en viveiros son mulleres. É o que nos salva! É o que temos aquí.
Por que hai máis mulleres que homes traballando nos viveiros? Porque seremos máis curiosas. Tamén polo soldo. Co soldo dun viveiro non podes manter unha familia. Penso que é un apoio económico. Pero agora tamén hai homes e xente nova que tiveron que vir para os viveiros porque aquí non hai outra cousa.
É un sector machista? Non. Nós aquí estamos un grupo de homes e mulleres que traballamos todos xuntos. Colaboramos entre todos.
Algo que queiras engadir? Habería que subir isto un pouco, o goberno, que apoie máis a agricultura.
Nome Ricarda de Santiago Guerreiro. Idade 55 anos. Traballo en Viveiros Nilo dende cría. Hai máis de 40 anos, case dende que comezou o viveiro.
Que traballo realizas? Sen ser de oficina, todo. Aboar, facer gallos, sulfatar, todo o traballo da planta.
Que é o que máis che gusta do teu traballo? A min gústame todo porque me gusta traballar coas plantas.
A túa planta favorita? As aromáticas e as árbores con flor, prunus, cerdeira.
Como é a conciliación da vida laboral e familiar? Ben. Tiven axuda da miña sogra cando as nenas eran pequenas. Agora lévoo ben, teño ese ritmo. Cando estou na casa fago as tarefas de casa, tamén teño xardín, entretenme.
Gustaríache que as túas fillas se dedicasen aos cultivos? Parece que non lles tira demasiado. Unha traballa nunha oficina e a outra nun comercio. Unha delas tivo algunha experiencia en invernadoiros, en épocas vacacionais, e gustáballe pero dicía que era un pouco duro.
É un sector machista? Nooo. A ver, os homes realizan traballos como arrancar plantas porque teñen máis forza. Pero logo todos somos iguais, vai na persoa. Hai homes aos que lle gusta a planta e mulleres que non.
O 75% das persoas que traballan en viveiros son mulleres. A que cres que se debe? Pois mira, a muller en gallo… ben, hai homes aos que tamén se lles dá ben. En limpar e aboar planta, as mulleres… aínda que eles tamén o fan. Antes era diferente, aos homes non lles gustaba facer gallos, preferían os traballos máis fortes. Pero agora todo cambia, tamén se ve na casa que agora axudan moito máis que antes.
Notaches evolución no sector? Si, moito. Cambiou todo. Agora hai máis maquinaria, tamén se non imos para diante!
Cres que hai futuro para os viveiros? Hai crise pero isto ten que ir para diante. Hoxe en día todo o mundo ten un xardín, máis grande ou máis pequeno, pero coas súas plantas, árbores. É un sector que non pode ir para atrás..