Compostaxe!
4 marzo, 2016A Mostra Cultivos Baixo Miño abre as súas portas a Portugal
14 marzo, 2016O papel da muller nos viveiros foi tan importante nas orixes como o segue sendo a día de hoxe.
No Baixo Miño, o traballo no sector viverístico é fundamentalmente feminino. O 80% do emprego directo é desempeñado por mulleres. A unión da muller co traballo na terra é ancestral, como tamén o é no traballo doméstico.
Lola traballa en Viveiros Juan Peixoto. É un viveiro de cuarta xeración, unha empresa familiar clave na orixe do sector viveirístico do Baixo Miño.
Ao ser unha empresa tan lonxeva imaxino que o tema dos cultivos é recorrente na súa casa. Si claro, totalmente. Cando tivemos á nosa filla María, Juan e eu pensabamos “se esta nena estudase enxeñería agrónoma, coa traxectoria do viveiro e a experiencia do seu pai”. Non quixo, e nós respectamos a súa decisión. Estudou Administración e Dirección de Empresas e traballou na banca un tempo. Pero ese mundo non era para ela, non lle gustou. Nós dixémoslle que viñese ao viveiro para probar e está encantada. É moi boa nas relacións co cliente, co persoal. Vive en Vigo e vén todos os días de lindo gusto.
Desde cando traballas no sector dos cultivos? Traballo en Viveiros Juan Peixoto desde que casei co meu marido, Juan Peixoto. Gustáronme as plantas desde sempre, entón estou encantada da vida. Desde que era pequena, axudaba á miña tía cun pequeno xardín. Eu que nacín en Vigo e podías pensar que o campo non me gustase, todo o contrario. Estou en Vigo un día ou dous porque teño á miña nai e xa estou desexando volver ao viveiro.
Que traballo realizas? Traballo de oficina principalmente. Facturación, relación cos clientes… e se hai que axudar a podar ou calquera outra tarefa tamén o fago, non me caen os aneis.
Que é o que máis che gusta do teu traballo? O variado que é. Cada época ten unha cousa que me gusta. Agora estamos en época de plantación. Logo vas vendo o crecemento. Cando a planta está terminada hai que tratar de vendela, relación co cliente…
Acivro, azalea, camelia, phornium, hortensia, magnolia, rododendro, glicina. Cultivades moitas especies, cal é a túa favorita? Gústanme todas, todas as plantas teñen a súa beleza. Encántanme as rosas, por exemplo, que non producimos.
Como é a conciliación da vida laboral e familiar? Agora veño todo o día. Fago as tarefas de casa, recados do banco, correos e veño ao viveiro en canto podo. Pero deixo a comida preparada a noite anterior para que sexa quentar e listo. Antes de saír de casa a mesa queda posta, ao chegar cortamos o pan e comemos.
Cando María era pequena non viña tanto. Polas mañás estaba con ela ata que empezou a ir ao colexio. Moitas veces facía as tarefas da oficina en casa, outras veces a miña sogra encargábase dela e eu estaba no viveiro. Era máis complicado. A muller, aínda que traballe fose de casa, ten un traballo engadido.
Por que as mulleres asumen as tarefas domésticas cando traballan fóra de casa igual que o home? A pregunta do millón! Eles están educados así, están afeitos. Eu chego a casa ao 100%, sei todo o que teño que facer. Os homes chegan, sentan e que lle dean todo feito.
Pero a situación pode cambiar. Eu creo que si. As novas xeracións están a cambiar.
Por que hai máis mulleres que homes traballando nos viveiros? Creo que as mulleres temos máis sensibilidade. As mulleres traballamos doutra maneira, con maior coidado, con paciencia, con outro tacto.
Como eran os cultivos do Baixo Miño cando empezaches a traballar e como son agora? A situación cambiou moito. Vese máis calidade. O sistema de traballo, por exemplo, antes plantábase todo en terra, agora hai moito colector, iso supuxo un avance moi grande. Imaxínache o traballo de desenterrar todo a planta para a venda, era terrible.
Nós levamos 25 anos acudindo a Iberflora e a calidade que viamos alí, agora tamén a temos aquí.
Acudiredes á Mostra Cultivos Baixo Miño como todos os anos, que che parece? Eu véxoa cada ano mellor. De momento é pequena, pero o crecemento dunha feira non se fai dun día para outro. Todos os anos hai ideas novas, o traballo educativo cos escolares paréceme interesantísimo, a exposición de arte,…