Visita técnica aos viveiros acuBam
8 febrero, 2017Mostra Cultivos Baixo Miño 2017, Boletín 1
15 febrero, 2017O comité organizador da Mostra Cultivos Baixo Miño 2017 comprácese en presentar un ano máis unha programación chea de actividades interesantes para o sector verde.
O evento, que se celebrará no Pavillón de Goián o sábado 4 e domingo 5 de marzo, contará con actividades para profesionais así como para o público xeral.
O número de expositores supera as 30 empresas, entre socias acuBam, empresas convidadas do país veciño e institucións. A presenza por primeira vez de entidades como AGAEXAR (Asociación Galega de Empresas de Xardinería) ou COSAGRO (principal Directorio de empresas do sector verde español) reafirman o carácter empresarial da Mostra.
Xornada do sábado para profesionais
Como ven sendo habitual en pasadas edicións, a xornada do sábado terá un marcado carácter profesional. Un debate aberto sobre a “realidade do sector hoxe” será o punto de encontro para todos os profesionais asistentes. Intervirán Antón Vázquez Caamaño (Inspector de Sanidade Vexetal da Xunta de Galicia), José Collazo (Xerente de Viveiros Río Tollo), Venancio Outeda (Xerente do centro de xardinería O Piñeiro) e Emilio Estévez (Xerente de Coplant).
A continuación realizarase a presentación do “Plan Estratéxico e operativo para a mellora da competitividade e valorización dos sectores planta ornamental e flor”, un estudio froito de moitos meses de traballo que implica a multitude de entidades relacionadas co sector agrario da comarca.
A mañá quedará pechada co acto de inauguración oficial da Mostra 2017 ás 12:30 h.
Durante toda a tarde, Cerne arboricultura realizará unha espectacular exhibición de poda en altura.
Un dos pratos fortes desta edición, será ás 16:30 h. a conferencia para profesionais a cargo de Íñigo Segurola (director, realizador e presentador da sección de xardinería no programa BRICOMANÍA e DECOGARDEN en Tele 5 e TVE 2). Versará sobre novos modelos de xardín onde as vivaces adquiren a centralidade e onde o aporte textural e colorista tras a floración chega a ser sublime.
Tamén a partir das 16:30 h. celebraranse as “II Xornadas técnicas formativas da auga” no Auditorio de Goián.
Para rematar a xornada so sábado, membros do comité organizador da Mostra presentarán “acuBam Innovación 2017”, o stand de novidades que promove a competitividade e mellora empresarial do sector. Oito empresas participan cunha gran variedade de propostas.
A xornada do domingo está orientada ao público xeral
Pola mañá presentaremos “As nosas amigas as plantas IV”, para que todo o público asistente poida ver os traballos realizados polos escolares durante o proxecto de educación ambiental levado a cabo este ano polos lugares máis emblemáticos da natureza tomiñesa.
A continuación, a conferencia de María Martínez Abraldes sobre o “Plan revitaliza, xestión de materia orgánica mediante a compostaxe” falará das enormes posibilidades do tratamento correcto dos restos orgánicos.
Íñigo Segurola fará unha demostración en directo de diferentes aspectos relacionados co coidado das plantas a partir das 17 h. “Pasión por el verde” será un programa en directo do famoso presentador da sección de xardinería do programa BRICOMANÍA e DECOGARDEN.
Durante toda a xornada do domingo
O alumnado do ciclo forestal do IES Antón Alonso Ríos ofrecerá paseos guiados pola Mostra para os visitantes, baixo o título “As plantas cóntanos os seus segredos”.
Cerne arboricultura continuará coa exhibición de poda en altura. Os máis cativos poderán divertirse e aprender xogando xa que teremos un inchable, o Bus de Reciclaxe Ecoembes e o Gran Xogo de reciclaxe.
Os artistas da comarca do Baixo Miño encherán un ano máis a Mostra coas súas creacións relacionadas co sector verde. Pintura: Orlanda Gomes, Jose Luis Rodríguez, Naa Martínez, Freda Mills P, Libia Domínguez. Escultura: Luis 7, Xuxo Malone, Adrián Pena I, Ignacio Moure.
Ás 19:00 h. a presidenta de acuBam, viveiristas, colaboradores e autoridades políticas clausurarán oficialmente a Mostra 2017.