Osmocote cumpre 50 anos!
23 marzo, 2017Publicación dos “Premios acuBam Innovación 2017″
20 abril, 2017As Sobreiras, viveiro de planta arbustiva ornamental e planta de tempada
Antón González Ucha é un emprendedor de 24 anos que crea As Sobreiras, situada en San Miguel de Tabagón (O Rosal) hai dous anos. Dunha familia dedicada ao agro, gústalle a terra dende neno. Estudou en Ponteareas o Ciclo Medio de Organización e Xestión de Empresas Agropecuarias e en Santiago o Ciclo Superior de Explotacións Agrícolas Intensivas.
Cal é a actividade de As Sobreiras?
O cultivo de planta arbustiva ornamental e planta de tempada, utilizando sempre que sexa posible tratamentos fitosanitarios ecolóxicos e técnicas respectuosas co medio ambiente. Teño 5000 m2 en produción, todo exterior.
Cales son os teus clientes?
A planta de tempada véndoa integramente para a tenda Agromiño e a planta arbustiva a Viveiros Corema.
Cales son as túas expectativas de negocio?
A curto prazo, pagalo. Logo, chegar ao máximo de produción e beneficio. Polo de agora está funcionando a un 60-70% do seu potencial.
Cal é o teu cultivo estrela?
A photinia porque é a especie máis agradecida. Crece rápido, non da problemas e ten unha boa venda.
A mellor época do ano para o viveiro?
A primavera é a época de máis traballo pero a máis gratificante porque ves os resultados de moitos meses de esforzo.
Non é habitual atopar xente tan nova nun negocio agrario. Que che di a xente da túa idade?
Eu relaciónome con xente que ve no agro unha oportunidade de futuro, pero é pouca. A maioría da xente nova segue vendo a agricultura como unha “volta atrás”. Queda moito por facer na valorización do sector agrario.
Que che levou a asociarte a acuBam?
A idea de formar parte dun grupo de viveiristas da zona. Teño asistido a algunhas reunións e vexo que en conxunto podemos acceder a moitos máis proxectos, compartir problemas, evolucionar máis rápido. A Mostra de Cultivos, por exemplo, vexo que cada ano vai a máis, gustaríame poder expoñer en canto teña un bo fornecido de plantas.
Recoméndanos un lugar natural para visitar pola zona.
O cervo de Vilanova de Cerveira (Portugal) e o seu entorno é moi bonito.