Así foi a Mostra Cultivos Baixo Miño 2017
7 marzo, 2017A Mostra 2017 segundo os seus protagonistas
9 marzo, 2017Para conmemorar o Día da Muller entrevistamos á nosa presidenta.
Patricia Rodríguez González é presidenta de acuBam e xerente de Pamiplant. Enxeñeira agrónoma de 34 anos reparte o seu tempo entre o viveiro, a asociación e o coidado dos seus fillos.
Dende cando te dedicas ao viveirismo? Dende que remato os meus estudios. Estou traballando dous anos para Suministros Hortícolas Bacelo facendo asesoramento técnico e logo creo Pamiplant.
Que produce Pamiplant? Actualmente producimos 80% de flor cortada para venda directa a florerías e o resto é roseira en maceta e flor de cera. Tamén complementamos coa produción de kiwi, que nos permite ter uns ingresos regulares ao longo do ano, xa que a época alta do kiwi coincide coa época baixa na flor.
Pamiplant non xurde da nada. Meus pais producían flor para un almacén, facían monocultivo. Eu dinlle a volta. Agora cultivamos flor de temporada e temos un catálogo moi amplo de variedades.
Cantas persoas traballades? Cinco fixas e sete en picos altos de traballo.
Todas mulleres? Non, dous homes.
Como é un día normal na túa vida? Movido. Porque supón combinar varias facetas, nai sobre todo, pero tamén desempeño o meu posto de traballo, e dedico tempo á asociación.
Como te organizas para conciliar vida laboral e familiar? A organización da xornada sempre a planifico mínimo a noite do día anterior, e a miña axenda semanal marca a folla de ruta.
O máis difícil do teu traballo? Non fallarlle aos meus clientes. As florerías fanme os pedidos de flor, moitas veces, con moito tempo de antelación, e o cálculo do ciclo produtivo e o crecemento de calquera cultivo, é complicado. Garantir as entregas é complexo.
Sentícheste nalgunha ocasión discriminada por ser muller? Non, nunca.
No sector verde hai moita muller traballadora pero os postos de responsabilidade seguen estando ocupados maioritariamente por homes, a que cres que se debe? O tema é que unha muller para chegar a un posto de responsabilidade ten que traballar máis que un home. As responsabilidades familiares entre homes e mulleres seguen a ser desiguais. Unha muller ten máis cargas que un home e para compatibilizar a vida laboral e familiar, ten que esforzarse máis e sacrificar máis.
A desigualdade está entón no ámbito doméstico? Máis ben creo que está na sociedade, na educación. Dende o momento no que como pais, a educación para os nosos fillos marca distintas orientacións segundo o sexo, non estamos educando para a igualdade, por exemplo, un neno irá a fútbol e regalarémoslle coches, espadas… a unha nena bonecas, cociñas…
A sociedade non establece os mesmos criterios para xulgar comportamentos en homes que en mulleres, xa sexan, para xulgar decisións laborais que impliquen sacrificios no núcleo familiar ou sexan en horario de ocio.
Nos últimos anos imos a mellor? Desgraciadamente a violencia de xénero nos demostra cada día que non avanzamos tanto como críamos. Socialmente non estamos preparados para a igualdade.