Céspede san e forte
19 mayo, 2015Consello Nacional da Agua
28 mayo, 2015Cultivos Amado é un viveiro situado en Goián que leva aproximadamente 20 anos no sector dos cultivos.
“Somos dous socios e dous empregados que nos dedicamos a facer gallos e coidar as plantas ata que están listas para a venta”.
Como valoras a traxectoria do viveiro? Melloramos bastante, o que pasa é que agora estamos en crise. Aínda que non hai queixa, estamos aguantando. Esta campaña de primavera foi mellor ca anos atrás, claro que tivemos o tempo do noso lado, que viu bo, e a nós o tempo condiciónanos moito.
Que produtos vendedes actualmente? Nós vendemos arbusto, planta con flor e plantón de gramón que é o que se está vendendo agora de cara ao verán. A temporada da azalea xa pasou, agora empezamos co agapanthus.
Como levades a praga do buxo? Estamos co tratamento, que vai ben, pero hai que vixiar moito as plantas porque é unha eiruga moi voraz, que come todas as follas.
Cales son os vosos clientes? Coplant, clientes de Portugal, toda a zona de Pontevedra e algún da Coruña.
Que tal a Mostra Cultivos 2015? Buf… máis ou menos. Profesionais viñeron os que contábamos que viñeran. Pero podían vir máis. É difícil conseguir que veñan porque agora con internet… envíaslle as fotos e listo. Cando eu empecei con Nilo os clientes viñan ao viveiro a mirar a planta. Habería que organizar paquetes para os profesionais ou charlas e conferencias, que nos primeiros anos se fixo, e resultaba interesante.
Como miras ti a evolución dende a primeira Mostra Cultivos? Eu participo na Mostra dende os inicios, son un dos fundadores, e mellorouse moito, sobre todo a nivel estético. Agora hai máis colaboración, sobre todo por parte do concello.
Perspectivas de futuro? Animar á xente a que plante no xardín porque supón un pulmón verde, tal e como está todo de contaminado. Eu miro o futuro con optimismo porque isto non vai parar, a xente xa está concienciada do valor dos árbores e plantas. A administración podía facer máis labor de concienciación, sobre todo a nivel da Xunta de Galicia porque os viveiros, ademais de enriquecer a paisaxe que temos, damos vida a moitas persoas, creamos emprego directo e indirecto.
A túa planta favorita? Son todas, as que me dean de comer (risas). A min encántame a camelia, a nivel particular.
Seguides adiante co proxecto Cultivando paisaxes? É unha idea moi boa que ten que seguir adiante, temos que insistir porque onde se actuou nótase a melloría. Que haxa unha xente que nos rouba as plantas, que tamén nos rouban nos viveiros, pois para min que non son particulares. Pero nós temos que seguir traballando por mellorar o lugar onde vivimos.
O proxecto de colaboración “Cultivando paisaxes” entre acubam, a Fundación Xavier Pousa e o Concello de Tomiño realiza intervencións en zonas degradadas do concello para mellorar o entorno. Acubam dona as plantas e a asesoría técnica, os deseños e proxectos técnicos son da Fundación Xavier Pousa, e o concello aporta man de obra, materiais e maquinaria.