SAPEC Agro dá un paso máis no seu compromiso co medio ambiente
11 enero, 20163ª Edición de Nosas Amigas as Plantas
20 enero, 2016A temática deste ano é a orixe da planta ornamental.
Patricia Casaleiro, licenciada en Bioloxía é a monitora encargada de desenvolver este ano o proxecto “As nosas amigas as plantas”. Un bonito proxecto que naceu ao amparo da Mostra Cultivos Baixo Miño hai xa 3 anos e como as plantas vai crecendo cada vez máis.
A temática deste 2016 é a orixe da planta ornamental. Cando e cales foron as primeiras plantas que tiveron uso ornamental? Os símbolos celtas, a súa cultura e tradicións marcarán a temática desta edición do proxecto educativo promovido por acuBam co apoio do Concello de Tomiño.
Os colexios participantes nesta ocasión son o CEIP de Sobrada, o CEIP de Barrantes, o CEIP de Tebra, o CEIP de Goián, o CEIP Pedro Caselles, A Galiña Azul e as 13 aulas do CRA.
Centos de nenos e nenas que aprenderán o valor das plantas a través de xogos e actividades. Comporán algúns símbolos celtas con legumes (a FAO declarou o 2016 como Ano Internacional das Legumes), plantarán unha planta autóctona dentro dunha bota vella, relacionarán follas e partes comestibles de diferentes verduras e falarán da importancia da compostaxe.
A primeira sesión tivo lugar o martes 12 de xaneiro no colexio de Sobrada e irán celebrándose en todos os centros de ensino durante tres meses para rematar coa exposición dos traballos infantís na Mostra Cultivos Baixo Miño o 2 e 3 de abril.