A Feira de Cultivos renova a súa aposta polo formato ao aire libre
18 mayo, 2024Aprazada a XIX Feira de Cultivos do Baixo Miño pola previsión de choiva
5 junio, 2024Concello e acuBam preparan un evento cunha ampla programación de lecer na que destacará a aposta por un sector agro verde e sustentable
Música en directo, obradoiros, charlas, food trucks, Mercado de Primavera e moito máis do 7 ao 9 de xuño na Praza Pintor Antonio Fernández de Goián
A Feira de Cultivos do Baixo Miño prepárase para ofrecer ao público un evento renovado no que gozar dunha morea de actividades de lecer no que a sostibilidade e a aposta por un sector agro verde e sustentable serán as grandes protagonistas. Organizada pola Asociación de Cultivos do Baixo Miño (acuBam) e o Concello, a feira celebrarase do 7 ao 9 de xuño na Praza Pintor Antonio Fernández de Goián mantendo súa aposta polo formato ao aire libre e por tres días de encontro desfrutando do espazo público ao aire libre e levando as principais novidades dos sectores da planta, froita, flor, horta e subministros á rúa.
A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, destacou a importancia desta Feira de Cultivos, “unha oportunidade única para amosar o noso compromiso cun agro sustentable e respectuoso co medio ambiente. Queremos fomentar prácticas que sexan beneficiosas para a nosa contorna natural que contribúan ao continuo desenvolvemento económico da comarca”.
Pola súa banda, o presidente de acuBam, Fran Campo, asegurou que “nesta nova edición abordamos un dos retos máis grandes aos que nos enfrontamos non só dende o sector agro, senón como poboación. Queremos que a feira sirva para concienciar ao público e achegar ás e aos profesionais as ferramentas e coñecementos necesarios para seguir adoptando prácticas máis verdes e eficientes”.
Un obxectivo que se cumprirá cun amplo programa de actividades de balde e abertas a todos os públicos. Xunto á zona de expositores na que o público poderá coñecer ás diferentes empresas relacionadas co sector e o traballo que desenvolven, a Feira de Cultivos volverá contar este ano co seu Mercado de Primavera, unha zona que contará coa presenza de produtores e produtoras, artesáns e artesás e comerciantes que abrirán as súas portas o venres 7 pola tarde e sábado 8 e domingo 9 durante todo o día.
Na súa décimo novena edición a Feira de Cultivos do Baixo Miño mergullará ao público tamén nas últimas tendencia en sostibilidade e agroecoloxía da man de investigadores e investigadoras da Universidade de Vigo. Así, na xornada de apertura da feira Nuria Pedrol afondará sobre a renaturalización da agricultura con novos fitosanitarios de base biolóxica e Pedro Pablo Gallego sobre a agricultura ecolóxica e Xabier Simón descubrirá ao público as comunidades enerxéticas, unha oportunidade para o rural. Xa o sábado 8 Adela Sánchez Moreiras falará sobre o manexo ecolóxico para o control de malas herbas sen uso de herbicidas e o domingo completarán o programa de charlas Rafael Carrera de Coxapo para falar da implantación da nova normativa de control dixital dos aproveitamentos de auga e Marc Capilla, CEO de Fliwer, que explicará ao público como se aplica a intelixencia artificial ao sector dos cultivos.
Pero será tamén unha feira con moito ritmo e cinco concertos de música en directo. O venres pola noite Skarajazz Quartet porá banda sonora ao arranque da feira, mentres que o sábado haberá sesión vermú con Two in the Mirror e gran concerto pola noite con La Patrulla. O domingo a sesión vermú correrá a cargo de Awen e o concerto de SomozaTrío porá punto e final a tres días de festa.
Para as e os amantes da gastronomía, o sábado ás 12.30 horas poderán desfrutar dun novo showcooking con Toñi Vicente e Iván Méndez ao abeiro do programa Eurochef de EuRural, no que se aprenderá a explotar todo o potencial dos cultivos de tempada e dos produtos locais. O programa de actividades completarase cunha ducia de obradoiros variados e de balde para os que se abrirá a inscrición nos vindeiros días, o espectáculo infantil ‘Pinga pinga’ con Barafunda Teatro, food trucks, after-fair nos locais de Goián e moito, moito máis.
Pódese consultar a programación completa na web da Feira de Cultivos do Baixo Miño.
Actividade financiada por fondos NextGenerationEU a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Ministerio de Industria e Turismo.