8 de marzo, Día da Muller
8 marzo, 2017Osmocote cumpre 50 anos!
23 marzo, 2017Expositores e organización coinciden no balance positivo da Mostra
Patricia Rodríguez González, presidenta de acuBam, fai un balance moi positivo da Mostra Cultivos Baixo Miño 2017.
“O resultado da Mostra non pode medirse unicamente con criterios económicos. Sérvenos de punto de encontro coas empresas colaboradoras coas que traballamos durante todo o ano. É o caso do Festival Internacional de Xardíns de Allariz ou AGAEXAR que tiveron unha presenza física na feira pero que o realmente importante é o traballo que xuntos facemos durante todo o ano. Rematamos a Mostra coa axenda chea de deberes que facer e iso é o que vale”.
Sobre a asistencia de público profesional, comenta “A nosa deslocalización xeográfica segue sendo un impedimento para recibir máis visitas foráneas. De feito, varias empresas catalás virán a semana próxima por mellor combinación de voos. Pero a feira serve de escaparate, aínda que sexa virtual, do que se produce no Baixo Miño. Cada ano imos consolidando un pouco máis a nosa oferta no sector verde español e internacional”.
A Xunta de Galicia escóitanos
“A presenza da directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias agroalimentarias, Belén do Campo, manifesta que existimos por fin para a Xunta de Galicia. A Conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, desculpouse por non poder asistir, cuestións de axenda política, así como o presidente da Xunta”.
“A presenza por primeira vez da presidencia da Deputación de Pontevedra é de agradecer, así como o apoio incondicional dos concellos do Rosal, A Guarda, Tui, Vila Nova de Cerveira, Allariz”.
Óscar Vaquero, expositor de colorful grasses, gramíneas ornamentales, manifesta que foi “un dos mellores anos, por público e por profesionais. Tamén é certo que o meu produto é moi novo. É o segundo ano que expoño as gramíneas, pero ampliei moito o catálogo con respecto ao ano pasado. Moita xente se interesou polo produto, tanto xardineiros, como paisaxistas e tamén outros viveiros, xa que non hai moita produción de gramíneas ornamentais en España”.
Óscar Vaquero forma parte do comité organizador da Mostra.
Que foi o mellor da Mostra Cultivos 2017? Íñigo Segurola, sen dúbida. Tanto para o público profesional como para o público xeral resultou un gran reclamo. A súa conferencia foi moi amena, chea de anécdotas e como viaxa moita contaba de primeira man as tendencias doutros países, e iso sempre é interesante de escoitar.
Cal é o reto para a vindeira edición? Atraer a máis público profesional segue sendo o noso obxectivo prioritario.
Nacho, de Viveiro Corema, produtor de planta arbustiva de flor, comenta satisfeito que “notei unha mellora con respecto ao público profesional. Para min o sábado foi un bo día de traballo. Non sei se debido ao adianto da data da Mostra un mes, que creo que iso axudou, ou mesmo que o mercado está mellorando, pero vin ambiente de negocio”.
Que tipo de clientes te visitaron? Tiven moitas visitas de posibles clientes de Portugal e tamén xardineiros. Notei máis presenza de xardineiros que noutras edicións, posiblemente pola colaboración que acuBam ten coa Asociación Galega de Empresas de Xardinería. Tamén as conferencias estaban moi dirixidas a ese público que para nós e moi interesante.
Que foi para ti o mellor desta Mostra 2017? A decoración coma sempre excepcional, pero nesta edición destacaría o debate e as conferencias.
Íñigo Segurola é un comunicador nato e a xente que pasaba quedaba atrapada na conferencia. Creo que foi un acerto programar un produto interesante para os nosos clientes, para que tiveran un aliciente máis para acudir á Mostra.
O debate pareceume unha idea xenial que deberiamos repetir máis a miúdo. Alí estaban representadas a produción, a comercialización, a venda directa e o control fitosanitario. Son opinións que non tes todos os días. Houbo unha rolda de preguntas final moi intensa porque o público estaba moi participativo, sinal de que lle interesaba o que alí se dicía.
Que mellorarías para a vindeira Mostra? Máis presenza de público profesional. Sei que é algo moi difícil porque a forma de venta cambiou moito nos últimos anos. Aos compradores cústalles acudir ás feiras, non só á nosa, teñen a centos de comerciais nas súas portas.
Creo que o cambio de data foi un acerto pero para captar máis público profesional vexo dúas vías: incrementar o número de expositores, é dicir, facer unha Mostra máis grande ou realizar convites expresos a clientes potenciais.