Expositores Mostra Cultivos 2015
25 marzo, 2015O kiwi
9 abril, 2015O 28 e 29 de marzo celebrouse a 12ª edición da Mostra Cultivos Baixo Miño. A xornada do sábado foi exclusiva para o público profesional e o domingo aberta ao público.
José Cosmed, Presidente de Acubam, cóntanos as súas impresións.
“Duplicamos as visitas profesionais e fixéronse negocios e contactos. O visitante profesional era principalmente da comunidade autónoma e norte de Portugal. Pero queremos máis visitas profesionais”.
“A feira é unha carreira de fondo, esperamos que se vaia consolidando cos anos como feira profesional. É un esforzo enorme para os produtores, en todos os sentidos. Pero é a nosa mellor oportunidade para darnos a coñecer. Cada ano esforzámonos en facelo mellor, é como un exame, un reto para os produtores e empresas auxiliares, e iso sempre é positivo para o sector”.
Moitas novidades
Moitas novidades presentáronse nesta Mostra Cultivos 2015. Abellóns polinizadores procedentes de Bélxica, para invernadoiros, que aseguran froita de calidade; tesoiras de poda específicas con regulación de corte en altura; control automático de contadores de auga; ademais de multitude de novas variedades de planta producida na bisbarra.
Debutantes
Entre as empresas que expuxeron por primeira vez, falamos con Félix Piñeiro, de Vivaz Galicia.
Contento coa feira? “Dende o punto de vista de retomar contactos, mostrar o meu produto, si. Os demais expositores interesáronse polo meu produto”.
Coñecías a feira? “Si, asistira en representación doutros viveiros para os que traballaba”.
Vivaz Galicia produce vivaces, plantas perennes que perden a flor na época desfavorable e logo rexermolan. É unha planta propia de Europa continental, con flores moi rechamantes e novas para a nosa zona. Moi interesante para a xardinaría pública, porque permite un grande aforro en mantemento xa que non é necesario replantar cada tempada.
“Por agora teño unha produción moi limitada. Conto con 600-700 m2 de invernadoiro máis o exterior. A planta está en invernadoiro cando é pequena para evitar as fortes chuvias e ventos porque por temperatura aguanta perfectamente ata -15ºC. “
Exposición de arte e stand infantil
A exposición de arte co viveirismo como temática tivo unha grande acollida.
A alcaldesa de Tomiño, Sandra Álvarez e a Conselleira de Medio Rural, Rosa Quintana, inauguraron a escultura dedicada ao viverismo que se colocou diante do pavillón de Goián. Unha rosa en aceiro inox de case 2 metros de alto doada polos escultores Ignacio Moure e Carlos Fierro.
O posto infantil acolleu un resumo do traballo realizado cos nenos e nenas nos centros escolares de Tomiño. O proxecto educativo “As nosas amigas as plantas” na súa segunda edición abordou temas como a viña, os tulipáns ou a alimentación saudable. Os seus debuxos e plantas impregnaron o espazo de cor e ilusión.
Éxito de Público
O domingo foi o día do público. Rafa de Foncel coméntanos “rompeu todas as nosas expectativas pola gran cantidade de asistentes. O novidoso espazo expositivo gustou moito á xente e as demostracións de cortes de madeira en vivo con machadas e motoserras resultaron espectaculares”.
Presencia institucional
A presenza dos responsables autonómicos do sector foi total. A Conselleira de Medio Rural, Rosa Quintana; o Secretario Xeral do Medio Rural e Montes, Tomás Fernández-Couto Juanas; o Subdirector Xeral de Explotacións Agrarias, Nicasio Mejuto e o Delegado Territorial, Cores Tourís supuxeron a representación da Xunta de Galicia no acto.
O Presidente de Acubam, José M. Cosmed, a Alcaldesa de Tomiño, Sandra González, o Alcalde de Allariz, Francisco García Suárez, e o Secretario Xeral, Tomás Fernández-Couto, inauguraron a Mostra.
José Cosmed destacou o potencial en crecemento e o compromiso de Acubam coa formación e a cultura, cara aos homes e mulleres do futuro. Citou a necesidade de medios para reciclar os residuos xerados polos viveiros.
A alcaldesa de Tomiño, na súa intervención, insistiu na necesidade de rematar a concentración parceira e en contar cun banco de terras, unha demanda que, dixo, a conselleira recibiu con moita sensibilidade. A rexedora destacou a participación na Mostra de representantes de Iberflora, a feira por excelencia do sector que se celebra en Valencia.
A presenza do Alcalde de Allariz pon de manifesto a colaboración con Acubam e o compromiso firme no obxectivo de introducir a presenza de planta autóctona en Festival Internacional de Xardíns.
O Secretario Xeral de Medio Rural e Montes, Tomás Fernández-Couto, mencionou os 2.700 empregos directos que ten o viverismo en Galicia e a oportunidade de concertar contactos na Mostra Cultivos Baixo
Miño, onde pode verse que “a vida do rural é rendible de cara a planificar futuro”.