Coidados do céspede: comenza a tempada
16 abril, 2014Iberflora estará presente na Mostra de Cultivos
23 abril, 2014TRINTA VIVEIRISTAS DA COMARCA AMOSARÁN A SÚA PRODUCIÓN NA XI MOSTRA DE CULTIVOS DO BAIXO MIÑO
A feira, presentada esta mañá en Goián (Tomiño), terá lugar a fin de semana do 26 e 27 de abril e reunirá a produtores de planta ornamental, flor cortada, horta, xardinería e empresas auxiliares do campo
Unha trintena de produtores do mundo do viveirismo (planta ornamental, flor cortada, horta, xardinería) e empresas auxiliares do campo, daranse cita na décima primeira edición da Mostra de Cultivos do Baixo Miño, a vindeira fin de semana (26 e 27 de abril), no pavillón polideportivo de Goián (Tomiño).
Organizada por Acubam (Asociación Cultivos do Baixo Miño) en colaboración co Concello de Tomiño, a feira abarcará unha superficie total de 1500 metros cadrados de exposición e venda.
Esta mañá, tivo lugar nos locais de Coplant S.L. –unha das empresas asociadas- a presentación da mostra aos medios de comunicación, na que estiveron presentes os membros da directiva de Acubam e a alcaldesa de Tomiño, Sandra González.
Segundo salientou na oportunidade o presidente de Acubam, José Cosmed, a presente edición terá importantes novidades, coma que a xornada do sábado 26, se adicará exclusivamente a profesionais do sector, mentres que a do domingo, será para público en xeral, con entrada de balde.
Outro dato a destacar é que este ano se organiza, por primeira vez, unha ruta guiada por seis viveiros da zona, co fin de que os visitantes (profesionais) poidan coñecer in-situ a produción do sector, e ampliar a súa visión do que ven exposto na mostra.
Coma curiosidade, comentaron que nesta edición contarase cun xardín especialmente traído dende o Festival Internacional de Xardíns de Allariz, e que será unha das principais atraccións deste ano. Colocarase no exterior do pavillón co fin de atraer visitantes.
José Cosmed, salientou, asemade, a importancia que ten para os produtores e comercializadores da comarca, seguir mantendo esta mostra, única no seu tipo en Galicia, xa que “pon de releve que o Baixo Miño é unha zona de referencia do sector en todo o país”.
A alcaldesa de Tomiño, pola súa banda, reiterou o apoio incondicional do Concello á mostra, e agradeceu a implicación dos produtores na organización de mesma, resaltando a importancia cada vez maior que o sector ten a nivel económico, comercial e de emprego. Por último, informou que nesta edición renderase un homenaxe a Juan Peixoto, pioneiro no sector dos viveiros e na organización da mostra.
Manuel Bacelo, membro da directiva de Acubam, explicou que entre os produtos expostos este ano, haberá planta ornamental, flor cortada, kiwi e conservas con froitos locais; maquinaria agrícola, etc.
Por último, Rafael Carrera, salientou o traballo desinteresado de voluntarios e colaboradores que fan posible reducir o orzamento da mostra de forma importante.
PROGRAMA:
Sábado 26 Abril | XORNADA PROFESIONAL
HORARIO: 12.00h a 20.00h
12.00h INAUGURACIÓN OFICIAL
PORTAS ABERTAS: A xornada permitirá un maior coñecemento das empresas expositoras.
Seis dos nosos socios abrirán as súas instalacións para que, quen o desexe, visite as súas empresas. Brotes, Coplant, Río Tollo, Vidaplan, VBM, Cultivos Amado, Viveiros Nilo e planIDga permanecerán abertas todo o sábado 26.
A visita pode ser libre ou nas rutas programadas pola organización da Mostra de Cultivos en autobús.
Domingo 27 Abril | PÚBLICO XERAL
HORARIO: 10.00h a 20.00h
ACTIVIDADES
12.30h Praza dd Preta
Inauguración da escultura de Carlos Fernández en honra de Juan Peixoto Carreira, como xerme do viverismo en Tomiño.
17.00h Vai ser boa! Espectáculo musical infantil da compañía Migallas Teatro
20.00h Clausura
E ademais…
-Tallado de madeira con motosierras | Patrocinado por Talleres O Milagre
-Actividades Infantís | Dirixidas por un monitor de tempo libre
-Exposición de escultura co viverismo como temática | Ignacio Moure, Xuxo Malone, Luís Álvarez, Carlos Fernández, Carlos Fierro, José dá Silva, Anxo Ferreira, Genaro Alonso, Adrián Pena, Francisco Liquito, Madalena Maceda, Xabi Garrido e José Luís Rodríguez.
-Exposición de Bonsais | Javier González