Boletín 2 – Mostra de Cultivos Baixo Miño 2014
9 abril, 2014Boletín 3 – Mostra de Cultivos Baixo Miño 2014
16 abril, 2014A iniciativa é impulsada pola Fundación Xavier Pousa, Acubam (Asociación de Cultivos Baixo Miño) e Concello de Tomiño
O Concello de Tomiño, a Fundación Xavier Pousa, e ACUBAM, a Asociación de Cultivos do Baixo Miño, presentaron este mediodía o proxecto Cultivando Paisaxes; un proxecto singular cuxo principal obxectivo é crear un corredor verde que identifique ao concello de Tomiño, coma un dos maiores produtores ibéricos de planta ornamental.
A iniciativa consiste, segundo explicaron os presentes, en utilizar as plantas e árbores máis cultivadas na zona, co fin de recuperar espazos degradados nas estradas principais do concello, e dar a coñecer ao mesmo tempo, a produción do sector. “Un sinal de identidade, un camiño máis humanizado que pode atraer turismo e mellorar a percepción do territorio grazas á colaboración pública e privada”.
Presidiron a presentación, celebrada na Casa do Concello de Tomiño, a alcaldesa Sandra González, o vicepresidente da Fundación Xabier Pousa, José Antonio Rodríguez Palacio, e o presidente de Acubam (Asociación de Cultivos Baixo Miño), José Cosmed. Estiveron presentes tamén Zara Pousa, filla do pintor e membro da fundación, e Nacho Saa, membro de Acubam.
A primeira actuación, das tres previstas para esta primavera, está en marcha na estrada da ponte internacional, en Goián. Búscase un cambio radical nesta vía que é punto de entrada de visitantes e lugar de paseo para a veciñanza das dúas beiras.
Hoxe mesmo comeza a colocación na beirarrúa de 85 árbores, 55 liquidámbar, 14 cornus e 16 arces negundo. Mantéñense quince das existentes. Na outra beira, plantaranse cincocentos arbustos de dúas cores.
Un novidoso sistema que conduce as raíces da árbore baixo a terra evitará que ó crecer rompan a beirarrúa e ocasionen gastos de reposición.
Deseguido, vaise actuar en dous puntos estrada PO-552, en Forcadela e en Sobrada. Crearanse dous novos espazos verdes en lugares degradados.
A alcaldesa de Tomiño salientou o traballo conxunto das tres entidades implicadas no proxecto, o cal permite avanzar máis de presa e abaratar custes.
A rexedora local explicou que, hai case un ano, a Fundación Xavier Pousa presentou o anteproxecto ao Concello de Tomiño e a ACUBAM, e que dende entón, os tres organismos sumaron esforzos nun proxecto a longo prazo.
Grazas á doazón de árbores e plantas e a asesoría técnica de ACUBAM, aos deseños e proxectos técnicos da Fundación Xavier Pousa, e a achega de man de obra, materiais e maquinaria do Concello de Tomiño, o custe real de restaurar estes tres primeiros espazos é inferior ao presupostado. “O Concello vai investir 15.000 euros, pero se lle sumáramos o prezo das árbores, o proxecto paisaxístico, a retirada de asfalto, drenaxes, traslado de terra e persoal para a plantación, o proxecto ascendería a máis de 120.000 euros”, comentou, agradecendo tamén ás comunidades de montes das parroquias, que ofreceron a súa colaboración.
José Palacio, da Fundación Xavier Pousa, sinalou que entre os obxectivos da entidade está o de custodiar os valores que defendía o artista goianés, entre eles, o de conservar a paisaxe que tantas veces inmortalizou nas súas obras. “Parécenos importante tamén, amosar o que se produce nos viveiros do municipio e que se fixera dun xeito cooperativo e desinteresado”, explicou.
Nacho Saa, de Acubam, comentou pola súa banda, que dende un principio, o proxecto pareceulles moi importante e non dubidaron en prestar o seu apoio, a través da doazón de plantas autóctonas e asesoramento técnico, lembrando que se trata dun proxecto a medio e longo prazo, cuxos froitos serán observables nuns catro ou cinco anos.
Enlace al dossier de prensa [ver]