Charla de Banco Mediolanum con motivo de súa colaboración na Mostra de Cultivos do Baixo Miño
17 abril, 2013Inaugurada a 10ª Mostra de Cultivos, un excelente escaparate dun sector puxante no Baixo Miño
20 abril, 2013A feira, que terá lugar este fin de semana en Goián (Tomiño), chega totalmente consolidada á súa décima edición, cun total de 30 expositores de planta ornamental, flor cortada, horta, xardinería e empresas auxiliares
A décima edición da Mostra de Cultivos do Baixo Miño celébrase esta fin de semana (20 e 21 de abril) no pavillón deportivo de Goián (Tomiño) coa presenza de 30 expositores de planta ornamental, flor cortada, horta, xardinería e empresas auxiliares, nunha superficie total de 1500 metros cadrados.
A presentación da mostra 2013, que será inaugurada o sábado 20 ás 12.00 horas, tivo lugar este mediodía no Auditorio de Goián e estivo a cargo de José Cosmed, presidente de Acubam (Asociación Cultivos do Baixo Miño); entidade organizadora da actividade coa colaboración do Concello de Tomiño.
Na oportunidade estiveron presentes tamén outros membros da directiva e a alcaldesa de Tomiño, Sandra González Álvarez.
O presidente de Acubam, agradeceu o traballo da nova xunta directiva e da anterior, así como apoio do Concello, para que os produtores e comercializadores do Baixo Miño poidan seguir mantendo esta feira, única no seu tipo en Galicia, o que pon de releve que “o Baixo Miño é unha zona de referencia deste sector en todo o país”. Cosmed explicou que a recente formación de Acubam, foi posible grazas á consolidación da mostra de cultivos. “Despois de dez anos de mostra, démonos conta de que non se podía seguir facendo so un traballo dun fin de semana”, comentou. Así mesmo, informou que os fines principais da nova asociación son “a formación, profesionalización e defensa dos intereses do sector no Baixo Miño”, de cara á mellora da produción e á apertura de novos mercados.
A alcaldesa de Tomiño, pola súa banda, reiterou “o apoio incondicional” do Concello, e salientou o traballo dos produtores, tanto nas anteriores edicións coma nesta. A rexedora resaltou a importancia de asociarse nun momento de crise económica coma o actual, e comentou o traballo de sensibilización e formación levado a cabo nos colexios do municipio, coma actividade previa á mostra. Un traballo que comezou pola visita do alumnado aos viveiros e dos viveiristas aos centros, e remata cun stand nesta mostra no que os escolares amosarán o traballo realizado durante varios meses para cultivar plantas; tarefa para a que tiveron un “teléfono verde” á súa disposición (para consultar dúbidas cos viveiristas sobre o coidado dos exemplares).
Coma novidades desta edición, haberá unha conferencia sobre como afrontar a situación económica actual desde as empresas. Será o sábado ás 11.00 horas no Auditorio de Goián.
Outras atraccións de interese serán as demostracións en vivo que fará un expositor sobre modelado de madeira con moto serra; un xardín de deseño no exterior do pavillón e un obradoiro de “Contos Solidarios” a cargo de Anxo Moure (sábado 20 de 16.00 a 18.00 hs.), sen esquecer a nova páxina web da mostra (www.mostradecultivos.eu).
Ademais, haberá unha exposición de bonsais no auditorio a cargo de Javier Álvarez.
Os organizadores agardan superar os 15.000 visitantes da última edición.
Datos do sector
Durante a presentación da feira, o presidente de Acubam facilitou unha serie de datos moi interesantes sobre o sector na comarca do Baixo Miño, coma é o dos 500 empregos directos (70% deles femininos) e 200 indirectos que hai na actualidade no sector. Asemade, Cosmed falou sobre 600 hectáreas cultivadas con planta ornamental e flor, que se distribúe en España (60 %) e estranxeiro (40 % restante). A facturación anual do sector oscila entre os 50 e os 55 millóns de euros.
Colaboran coa mostra de cultivos ademais do Concello, Banco Mediolanum, La Caixa e Silvaplus.