Coplant presenta os novos cultivos do Baixo Miño en Iberflora
3 octubre, 2017Brotes en Iberflora
11 octubre, 2017Juan Peixoto leva 28 anos acudindo a Iberflora
Charlamos con Juan Peixoto para coñecer a súa experiencia nesta edición.
Que tal Iberflora 2017?
En xeral ben. Mellor que o ano pasado, que xa foi bo. Cada ano imos a mellor. Non creo que houbese máis visitantes pero si máis ganas de comprar.
E iso que a data non estivo ben escollida. Primeiro pola proximidade do 12 de outubro que limitou a presenza de floristas e segundo pola GrootGroenPlus, unha feira moi importante que se celebrou en Holanda.
Como funcionou o voso stand?
Moi ben. Como repetimos exactamente o mesmo espazo facilitounos a exposición dos nosos produtos. Levamos un variado de todo o que facemos e á xente gustoulle.
Sempre levamos algo. Pero as novidades resérvoas para os meus clientes.
O voso viveiro está especializado en planta ornamental galega, hai lugar para a innovación?
Por suposto. A innovación para min supón unha mellora na planta, xa sexa na súa floración, frutificación, en que a planta evite mellor os seus problemas. En calquera planta pódese conseguir. Trátase de obter mellores resultados nos cultivos que xa temos.
A zona de Galicia, estaba ben representada?
A zona de Galicia sempre chama a atención. Se o comparamos co ano pasado tal vez este ano resultou menos espectacular, pero estaba moi ben. A xente empeza a recoñecer Galicia dentro do mercado internacional da planta ornamental.
Tivestes visitas institucionais?
Visitounos Belén do Campo, directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, en representación da Consellería do Medio Rural.
E a próxima feira?
Lusoflora en Santarém, Portugal.