Cultivando Paisaxes
4 diciembre, 2014A infancia é o futuro
16 diciembre, 2014O desenvolvemento económico centrou o debate celebrado na Casa da Cultura de Tomiño
A Axenda Estratéxica materialízase nunha serie de proxectos e eventos organizados conxuntamente polos dous municipios no marco da Carta da Amizade que os une. Destacan unhas xornadas e grupos de estudo que o venres 5 de decembro chegaron ao seu fin.
O desenvolvemento económico centrou o debate celebrado na Casa da Cultura de Tomiño onde se reuniron empresarios e técnicos das dúas localidades. O encontro estivo presidido polos rexedores locais de ambos os municipios, tivo coma poñente a Xavier Martínez Covas, profesor de Economía Aplicada da Universidade de Vigo, e coma moderadores a Patricia Rodríguez (Acubam) e Luís Ceia (CEVAL).
Os asistentes tentaron facer unha posta en común das necesidades e recursos de cada concello, co fin de contribuír a unha maior integración dos municipios na Euro-Rexión, e ao deseño de proxectos conxuntos que poidan presentarse a convocatorias de programas europeos.
Neste cuarto e último encontro, abordáronse temas coma a necesidade de coñecer mellor a normativa en materia empresarial que rexe dun e doutro lado da fronteira; trámites necesarios para novos emprendementos comerciais, requisitos económicos, fiscais, etc. Neste punto púxose de manifesto a necesidade de solucionar previamente problemas burocráticos e legais que existen na actualidade, e dificultan unha maior relación comercial e empresarial.
O poñente, Xavier Martínez Covas, propuxo aproveitar a experiencia de ambas as localidades, así coma afianzar as relacións entre os técnicos de emprego e desenvolvemento dos dous municipios, de xeito que estes poidan informar ás persoas interesadas en establecer un negocio a normativa vixente, tanto en Galicia coma en Portugal.
Segundo palabras de Patricia Rodríguez, representante de Acubam, “todos os presentes expuxeron os seus puntos de vista para lograr reunir información que permita desenvolver a segunda fase desta Axenda Estratéxica, que pretende crear un micro clima favorable para o desenvolvemento económico e social”.