Brotes en Iberflora
11 octubre, 2017acuBam visita Holanda
25 octubre, 2017A participación de acuBam foi positiva en xeral
O equipo de secretaría de acuBam asiste a feira Iberflora en representación da asociación. Charlamos con Gloria Álvarez para que nos conte como foi a experiencia.
Que tal funcionou o stand de acuBam?
A participación de acuBam foi positiva en xeral. Aínda que é certo que dado o carácter fortemente comercial da feira, a participación con stand expositivo quizais se dirixa máis ás empresas para a promoción dos seus produtos e a procura do establecemento de novos acordos comerciais.
Segundo se constatou, a gran maioría de visitantes busca negocio directo con produtores, distribuidores, provedores,…
Non obstante a participación en Iberflora bríndase como oportunidade única para estar atentos ás tendencias do mercado, estreitar potenciais colaboracións con homólogos a diferentes niveis xeográficos e presentar os produtos locais a novos potenciais clientes.
Que lles interesaba ás persoas que se achegaban ao stand de acuBam?
Interesábanse en coñecer os produtos principais que se cultivan na rexión do Baixo Miño (en moitas ocasiones rexión coñecida xa de antemán). Achegábanse atraídos polo potencial de produtos que o Baixo Miño podía ofrecerlles, completando así a súa oferta de cultivos con estas variedades locais.
O visitante era nacional ou estranxeiro?
A participación na feira foi fundamentalmente a nivel nacional, non atopamos moitos visitantes internacionais. Feito que pode estar influenciado pola coincidencia en datas coa celebración dun importante evento internacional do sector dos viveiros en Holanda.
Tivemos ocasión de achegarnos a unha asociación produtora de orquídeas de Taiwan, que participaron cun stand na feira, e cos que se estudaron futuras colaboracións entre profesionais de ambos os países, para o intercambio de boas prácticas profesionais.
Conseguistes algunha colaboración destacable?
Si, desde logo que si. Tanto coas entidades que se aproximaron ao noso stand solicitando información, como con aquelas outras empresas, asociacións, administracións públicas, organizacións sectoriais… ás que nos diriximos directamente. Con todas elas establecéronse acordos de pasos futuros conxuntos.
O importante agora é seguir mantendo eses contactos e traballar a curto prazo por chegar a materializalos.
A modo de exemplo reunímonos con dúas das máis importantes centrais de compra de España, que aglutinan a un elevado número de gardens, quen se mostraron moi interesados en coñecer máis en profundidade os produtos do Baixo Miño e establecer futuras relacións comerciais.
Como estamos con respecto ao resto de produtores nacionais de planta ornamental?
Estamos á altura do resto do país en produción planta ornamental. O sector está ben situado no mercado e a calidade das nosas plantas está ben valorada. Así o puidemos comprobar a través da afluencia de visitantes cos que contaron algúns dos nosos socios que participaron con stand propio na feira. Os seus produtos suscitaron importante interese nos visitantes e o éxito da súa participación en Iberflora foi notorio.
Participastes nalgunha actividade?
Si, tivemos ocasión de participar nun Ciclo de Xornadas sobre Sustentabilidade na Produción de Plantas Ornamentais: Novas Esixencias en Mercados.
As xornadas resultaron de gran interese, achegando información sobre tendencias de mercado, motivacións de compra do consumidor, que xa non busca unha planta, senón ecoloxía, respecto ao medio ambiente,… En definitiva, facían fincapé na necesidade de abordar a dimensión social e ambiental, como parte do ciclo produtivo, na carreira pola competitividade.
Ademais puidemos asistir á celebración dun Concurso sobre Arte Floral, no que puidemos coñecer as tendencias na presentación e formatos deste tipo de produtos.
Como se realizou a difusión da Mostra Cultivos Baixo Miño 2018?
Presentouse a Mostra en canta ocasión houbo oportunidade. Mostrámonos gratamente sorprendidas cando nos topamos que algunhas das empresas e entidades ás que nos diriximos para comunicar sobre a Mostra, xa a coñecían. Mesmo algún participara en edicións anteriores. O que quixemos foi transmitir a forza que veu adquirindo nos últimos anos este evento, o cal, nesta 15ª edición presenta o seu carácter máis profesional estendendo un día máis o seu programa e facéndoo levar a un día entre semana, facilitando así a participación de máis entidades profesionais que puidesen interesarse comercialmente polos nosos produtos.
A todos convidámoslles a participar na edición de marzo de 2018. Moitos se mostraron realmente interesados e confirmaron a súa participación. De ser así, este gran evento local podería converterse este ano, nunha moi verdadeira plataforma de saída ao exterior.
Toca traballar nos próximos meses por alcanzar este obxectivo.
Algunha idea para a Mostra Cultivos Baixo Miño 2018?
Moitas! Pero unha clara: xornadas de sustentabilidade na produción dos cultivos.
Como puidemos comprobar a dimensión social e ambiental preocupa de forma importante no mercado. Os consumidores son cada vez máis esixentes cos produtos, xa non só respecto da calidade técnica, senón tamén respecto ao impacto ambiental nos procesos de produción e o coidado da parte máis social do desenvolvemento económico.
Este sector non queda fóra destas tendencias. De feito os principais mercados internacionais esixen o cumprimento destas dimensións.
Por iso cremos firmemente na necesidade de espertar conciencias entre o sector local e traballar por negocios e produtos máis sustentables.